Blog | A fouce

Os ricos choran?

Kiko Rivera. AEP
photo_camera Kiko Rivera. AEP

TEÑO ESCOITADO en moitos momentos da vida aquilo de que os ricos tamén choran. E é ben certo. Pero chorar sen ter que erguerse ás sete da mañá ao día seguinte para pasar a xornada tratando de poñer boa cara no traballo, ou chorar a bordo dun avión rumbo ás Maldivas para "desconectar", non che é o mesmo.

Supostamente, a morte iguálanos a todos, pero iso que llo conten á raíña Isabel. E as enfermidades, esas si que son o paradigma da desigualdade a escala mundial. Eu non quero saber o que pasaría de ter que lidiar cunha diabete, unha afección cardiovascular, nin moito menos un cancro e sen seguro médico nos Estados Unidos, por dicir algo. Non obstante, o moi español Kiko Rivera nin se atreveu a poñer un pé nas Urxencias do seu hospital público de referencia cando percibiu que algo ía mal. O mesmo hospital público ao que foi derivado despois pola súa clínica privada, e no que lle salvaron a vida.

Non sei se de ter sufrido Rivera o ictus en pleno verán durante a súa actuación nas festas de Portonovo, hai só uns meses, lle apetecería coller un avión ata Sevilla. Quizais, se agardamos uns anos, Baltar esté o suficientemente desmantelado como para claudicar ante o exemplo daqueles que fan da privatización a súa bandeira, e entón non nos queden forzas nin para chorar.

Comentarios