sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Patrimonios e 'patrimonas'

Uno de los petroglifos de Campo Lameiro dañados. DP
Un dos petróglifos de Campo Lameiro danados. DP

CON TALENTO e talante –dúas características que van por diante cando se trata de explicar as bondades dunha magna obra executada e financiada pola Administración autonómica– entregaba onte Feijóo simbolicamente as chaves imaxinarias dos Baños de San Xusto a Cerdedo-Cotobade, ante os despeiteados xornalistas que, froito do estrés e maldicindo a puntualidade presidencial, baixamos o monte correndo para acurralalo na insigne carballeira. Falou de patrimonio, esa pantasma que podemos sentir as galegas e galegos ao noso redor, pero da que somos aínda profundos descoñecedores. Algo que non é de extrañar, tendo en conta o moito que queda por investigar, por poñer en valor, por educar neste país. E sobre todo por deixar de expoliar.

E aínda que poida parecer un matiz desdeñable, non é o mesmo non saber que ser un ignorante. Circula estes días polas redes o extracto dunha conversa entre dúas persoas, acompañada dun par de fotografías que poderiamos ubicar, concedéndolle ás redes toda a credibilidade que merecen, na Mámoa do Rei, no Lago de Castiñeiras. Lembro por alí as follas secas do outono, ourizos, e quizáis un columpio, se non me falla a memoria, pois -curioso como pasa o tempo- a última vez que estiven no lugar non levantaba medio metro do chan. Tamén había pedras, de varias formas, grandes e redondeadas. Unha delas debe ser a que un simpático transeúnte, o protagonista do diálogo compartido polas redes, elixiu para tomar o sol. Como afortunadamente queda xente espabilada no mundo, parece ser que lle advertiron: "Mira, isto é un monumento, non para tumbarse". Unha información ante a cal, o gracioso indivíduo, en vez de agochar a cabeza e desculparse pola súa falta de datos ao respecto –situación á que todas e todos temos dereito– quixo facer notar a súa ignorancia como cualidade arraigada no máis fondo do seu ser, polo que ameazou ao interlocutor con facer alí mesmo as súas necesidades. Un espectáculo dantesco máis propio da que me gustaría alcumar como unha patrimona. Esa persoa que vai pola vida facendo dos seus actos un espectáculo máis propio dos pequenos macacos que soben ás árbores e a todo canto pillan sen ton nin son, sen atender a explicacións nin razoamentos. Esas persoas que fan do non saber un motivo do que estar orgullosos. O orgullo, sempre o orgullo. Iso que non falte. E sempre con gracia. Rirse do público. Rirse da historia. A mesma gracia que deixar pegada nos petróglifos de Campo Lameiro a base de riscar a pedra.

Tan ostentoso como poñer os bens de Meirás en mans dos Franco

Tomar o sol tumbado nunha mámoa ou adulterar dous petróglifos milenarios é pouco menos ostentoso que poñer en mans dos Franco o patrimonio de Meirás. Unha patrimonada en toda regra. Na prensa, os herdeiros do ditador, felices de conservar o que tantas bágoas, sangue e suor custou expoliar. E, como neste país somos así de graciosos, aínda haberá que indemnizalos.

Poñer en xogo a titularidade das mesmísimas estatuas do Mestre Mateo, que viaxaron dende o Pórtico da Gloria ata as mans do ditador e a súa prole, é un síntoma desa enfermidade que nos adoece. E mentres o pobo cala e as institucións turran sen moito tino, o que está en xogo é a nosa historia. As cifras, neste caso, xa non deben calcularse en billetes. Moito máis simbólico resulta pensar en 3.200 libros da biblioteca de Emilia Pardo Bazán secuestrados durante décadas entre as gadoupas daqueles que agora consideran que se lles está roubando o roubado. Mentres, agardemos a enésima volta de folla da xustiza. A ver se a próxima indemnización é para o pobo.

Patrimonios e 'patrimonas'
Comentarios
ç