Blog | A fouce

A primeira de Campañó

Carteis na concentración feminista en rexeitamento da violencia machista o pasado día 11 de xuño. RAFA FARIÑA
photo_camera RoboCopy ARiN (Concello)_ Concentracion feminista en rechazo de la violencia machista (Zeivas y Espazo Feminista)_

INFINITAS LETRAS estampadas a man e coa máquina de escribir sobre o papel corroído polo peso de case 70 anos de arquivo dan conta da historia dunha muller á que, co ánimo de preservar a intimidade familiar, imos chamar María. As rúbricas, violáceas, azuis, negras, por veces inintelixibles, sobre o papel morado, castaño, amarelento, falan dunha vida adoecida polo martirio e o sufrimento. De bágoas, litixios, "escándalos" e malos tratos que a mediados dos anos 50 chegaron á súa fin, pero que habían de continuar para outras moitas que non se atreveron, non puideron, ás que non lles deixaron falar.

María conseguiu divorciarse dun home ao que imos chamar Manolo, tamén por preservar a intimidade da familia dela, en plena ditadura franquista, no seo dunha aldea pontevedresa que, coma todas na época (e aínda hoxe), agochaban entre as paredes lacadas do fogar as máis terribles atrocidades, poñéndolle a cambadela a calquera atisbo de independencia ou progreso da muller. O divorcio en España, que estendeu as súas ás coa II República, e foi suspendido no 39, constituía naquela altura na que á María lle tocou vivir pouco menos que unha entelequia. Terían que pasar máis de 40 anos para que este dereito se volvera retomar. Non foi, nin moito menos, fácil para ela. Un total de 75 documentos agochan no arquivo parroquial de Campañó (Pontevedra) a escuridade das súas vivencias. Documentos que conteñen peticións á Igrexa, ás amizades e aos máis estreitos contactos do párroco, un cargo que, ao inicio do proceso, en 1953, hai hoxe 68 anos, ocupaba Antonio Rodíguez Fraiz (1912-1995).

75 documentos agochan no arquivo parroquial as escuras vivencias

Á excepcionalidade do proceso non lle bastaron as palabras de María, á que un abogado pontevedrés na altura calificou de "pobre mujer". Máis de 20 testemuñas, dúas delas menores de idade, tiveron que acreditar a "vida de vicio" que Manolo paseaba por toda a parroquia, e os "escándalos" vividos nun fogar no que, rezan os papeis da época, tivo que intervir un día de 1951 o Alcalde de Barrio para "evitar una tragedia por parte de este" (Manolo).

As "amenazas de muerte contra su esposa" estendéronse polo lugar. Unha testemuña declara que en 1949 "llegaron dichos maltratos a tal violencia", que o pai da muller tivo que acudir a un médico, ao tratar de interceder pola filla. Outra narra que en 1950 "fue tal el escándalo promovido" por Manolo, "que tuvieron que intervenir los vecinos para evitar una desgracia y contener la furia del agresor". "Horrible escándalo" ou "terrible paliza" son algunhas das descripcións que fan outros veciños de décadas de malos tratos, e que se remitiron a Compostela en 1953.

María casou con Manolo en 1931 e o Arzobispado asinou o "divorcio perpetuo de lecho, mesa y habitación entre dichos esposos" en 1955. Ela tiña 47 anos e tres fillos e foi a primeira muller de Campañó que se puido divorciar do seu maltratador. Outras víronse sometidas durante décadas, ata o leito de morte, a perpetuar a barbarie. A María, en 1953 condenárona a pagar os custes do litixio, pese á boa fe de interceder por ela que amosou en todo momento o párroco Rodríguez Fraiz, quen acreditou a súa "humilde situación económica".

Noutras aldeas, noutros entornos familiares, noutros grupos de amigas, noutras cidades, noutros lugares do mundo actual, outras poden aínda ser, como María, as primeiras. Comezar a pensar en ser, no canto de estar. Por iso, máis que nunca, hoxe, que a nulidade matrimonial non depende da vontade veciñal, cómpre reprantexar e potenciar o apoio económico, a inserción laboral, os servizos de axuda no fogar e deixar de criminalizar ás mulleres que defenden ás súas crianzas do maltratador. Escoitar ás cativas, mirar con lupa as patrias potestades e as visitas non tuteladas. Para que a decisión de dar un paso adiante ou atrás non dependa de ter que poñer un fillo nas mans do agresor. E sempre, educar en igualdade. Na casa e na escola.

Entre o 10 e o 14 deste mes, déronse de alta no sistema Viogen 18 mulleres maltratadas na provincia de Pontevedra. En só catro días, e tras a aparición do corpo de Olivia, a nena asasinada en Tenerife polo proxenitor. Tamén na provincia, os datos oficiais din que a violencia machista está a marcar a vida de 1.170 mulleres. Quen puidera traspasar as paredes de todos os fogares que aínda quedan. Que o medo cambiara de bando.

Comentarios