Blog | A fouce

Propósitos de ano novo

"Siento una soledad grande. Antes tenía a mi familia reunida y se acabó todo. Eso da mucho dolor. Esta es mi casa ahora". Estas palabras pronunciábaas un home de 85 anos na Residencia de Campolongo, ante os oídos atentos de Marta Balo, para unha reportaxe que se publicou en Diario de Pontevedra o pasado 10 de decembro.

O motivo, a avalancha de solidariedade recibida dende todo o mundo, ante a petición formulada polo director do centro, para que os e as maiores puideran sentir unha migalla de agarimo en forma de misiva nestas datas nas que todos e todas nos sentimos máis xenerosas, máis compasivas, máis sensibles.

Na listaxe de propósitos do ano novo que está ao caer, pode que un alcalde engada a iluminación prematura dunha cidade que non contempla aquilo de marcar a diferencia, cando todo brilla ao seu redor, coa mágoa de saber que o cómputo duns días insignificantes poderían chegar a custar ata unhas eleccións.

Quizais un empresario decida investir no benestar dos seus traballadores, ou as políticas antisanitarias da Xunta den unha reviravolta e pasen da palabrería á acción. Quizais o mundo se volva do revés pero, mentres tanto, un humilde propósito sería darlles aos e ás nosas maiores un propósito de seu polo que volver sorrir.

Comentarios