Blog | A fouce

Quen é a resistencia?

Xa hai varios días que tropezo cun ‘meme’ que di algo así como: "os que chegamos á fin das máscaras sen pillar a covid somos a resistencia". Sabéndose gañadora da partida, esa comunidade de ‘rara avis’ na que non me queda máis remedio que incluirme, polo menos diagnóstico mediante, propagou o pantallazo do ‘twit’ á velocidade da luz, baténdolle coa frase nos fuciños virtuais aos malparados seguidores que sucumbiron ante o inimigo.

Tentada de compartir tamaña heroicidade realizada polo meu sistema inmunitario, coma quen quere sentirse parte do grupo dos populares da clase, volvín a vista cara os anos que deixamos atrás e que non, nunca volverán. O mundo cambiou, as cidades cambiaron. Os mozos cambiaron. E non quero dicir que calquera tempo pasado fose mellor, pero as rúas están cada vez máis baleiras deles. Os ‘quinceañeros’ xa non agardan desesperados aos 16 anos para que os deixen trasnoitar ata altas horas, xa non dan voltas ao reducido centro de Pontevedra ata marearse, en pandillas de dez, saudando a outras vinte persoas polo camiño. Os avós e as avoas xa non bican sen fronteiras. Os cativos nin se coñecen as caras cando xogan no parque e á sanidade xa non lle queda escudo para unha bala máis. Ser a resistencia significa seguir adiante. Vivir e facer, a pesar de todo.