Blog | A fouce

Reconquistar Tambo

O batallón entrando na praia de Area da Illa. DAVID FREIRE
photo_camera O batallón entrando na praia de Area da Illa. DAVID FREIRE

RECONQUISTAR Tambo foi cuestión duns poucos pasos. Unhas pisadas curiosas na area solta, fina e resprandecente da praia de Area da Illa. E ver como os pés se afundían dez centímetros nun árido pouco acostumado a recibir visitas. Como as grandes reconquistas, desas que saen nas películas, a de Tambo fíxose baixo a choiva do primeiro día de marzo. Coas botas húmidas e os abrigos enchoupados das salpicaduras da auga salgada da ría de Pontevedra, mesturada coa doce que caía sen piedade sobre o batallón.

A reconquista de Tambo estivo pragada de historias. De dunas rampantes de 80 metros que ascenden en dirección ao cumio do monte, agochadas debaixo da herba mollada. Dunha pedra de muíño perdida, quizais enterrada nalgún lugar do entorno dunha edificación botada a perder dende o ano 2003 por unha xuventude que quixo facer daquel lugar esquecido a súa sala de festas particular. Prantas que nacen a carón do mar, sendeiros comestos pola maleza, e o misterio en torno a unha illa que, ao parecer, hai varios miles de anos, non era illa. Lendas que falan dunha romaría de San Miguel, na que os veciños de Combarro acadaban Tambo a pé, para regresar á casa aproveitando a baixa mar. E tamén houbo mulleres. Esas sempre imprescindibles e esquecidas na historia. Lavandeiras ao servizo dos mesmos de sempre.

Gustoume reconquistar Tambo sen que a reconquista fose tal. Aínda que o pago por renunciar á guerra foran décadas de diálogo. E que o batallón fosen xornalistas, veciños representantes de colectivos e políticos. E que as balas fosen historias. E mollar os pés na procura dunhas ruínas que han de volver ao seu ser, nun futuro.

Na reconquista de Tambo ninguén saíu perdendo. Malia a presenza militar que asolagou o territorio moitos máis anos dos que me gustaría crer, hoxe chega aos veciños e veciñas despois de ter superado unha peste destrutora do patrimonio que se propagou nas últimas décadas deste século, e que deu en chamarse especulación. Os militares, que construiron na illa un lazareto real e outro intanxible, afastaron de Tambo un mal do que hoxe temos un exemplo evocador na ría de Vigo, polo que se pon o sol dende a praia de Samil, amosando a amorfa estrutura. Oxalá nunca ningunha outra Toralla. E, sen embargo, a pequena xoia da ría de Pontevedra non puido resistir a invasión duns inimigos letais, cuxo arrecendo pode percibirse nada máis poñer un pé no embarcadoiro. O eucalipto, a auténtica, abominable e desvergonzada praga que mata os montes galegos, ten aínda un fogar que ameaza con saltar polos aires a quietude da pequena illa en canto soben as temperaturas.

En ningunha guerra hai vencedores nin vencidos 

E é que en ningunha guerra, por clara que pareza, hai vencedores nin vencidos. Nin sequera verdades completas nos medios de comunicación. E que dicir dos líderes políticos, e das oligarquías do poder que se agochan baixo un puñado de siglas que pronunciamos desprevidos, sen acadar a imaxinar a sua nefasta influencia nun mundo polarizado. Nunha guerra sempre perde o pobo. Todo o pobo. Ti e eu. O pai, a nai, a irmá, o fillo, e o país veciño.

Reconquistar Tambo foi cuestión dunhas pisadas na area que, poucas horas antes da medianoite, algunhas aínda levamos nas botas, agradecidas polo traballo que fixeron outros. E de moito talante. De colaboración, paciencia, e palabras. Moitas palabras. De pensar nos veciños coa vista posta nun futuro que ten moi pouco de pretencioso, e bastante de realidade. Oxalá un pequeno Tambo en cada país.

Comentarios