Blog | A fouce

Sempre hai un ‘Plan B’

PODE PARECER que non, pero o Plan Antiincendios da Xunta de Galicia comeza a funcionar. Comprobeino o martes pola mañá, cando un escuro neboeiro fixo bater catro tímidas pingueiras de auga contra o parabrisas do coche de camiño a Sanxenxo por unha conxestionada PO- 308. Do que non estou tan segura, é de se semellantes esforzos extintores darán chegado a tempo ás nove parroquias lucenses abatidas polas lapas nas últimas horas, nin ás seis ourensás das que moitas continuaban, aínda pola noite, con lumes activos ameazando os fogares.
 
Meu tío di que, a pesar de todo, o noso sagaz Goberno autonómico conta aínda cun Plan B: rezarlle ao Apóstolo. Eu creo que non lembro ao dereito nin o Avemaría dos tempos da Comuñón, pero máis me vale ir practicando por se, quen sabe, ao inferno lle dá por facer acto de presenza no curuto do Castrove. 

Resignámonos, compadecémonos e acostumámonos a falar de desgrazas. A ver as bágoas nas portadas dos xornais cada verán que o cambio climático lle pega a enésima patada ao termómetro. E seguimos queixándonos da mala sorte dos montes galegos comestos polo eucalipto, mentres o presidente de turno saca a foto de rigor. Para min, que algo máis que os montes deberiamos deseucaliptizar.

Comentarios