Blog | A fouce

Vaites, 2020

A proxección 'Vaite 2020!' na fachada do Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
photo_camera A proxección 'Vaite 2020!' na fachada do Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA

Non o podemos evitar. O desexo de guindar ben lonxe este ano nefasto é case un mantra a nivel global. Parece que se o desexamos moito e moi forte, a inminente chegada do 2021 afastaranos de todo mal, coma un rito purificador. A frase Vaite 2020! loce na fachada do Pazo da Cultura de Pontevedra dende hai varias semanas, e atopo algo reconfortante en ollar cara a proxección. É un desexo compartido que vixía dende as alturas aos pontevedreses e ás pontevedresas, unha chamada á esperanza. "Vaite 2020, vaite e non volvas", é o que máis se escoita polas rúas desta volta antes do tradicional "feliz ano novo". Queremos desterralo das nosas vidas, afastarnos del, e esquecelo pronto, nun 31 de decembro no que as vacinas da covid19 xa chegaron á provincia.

Pero este non foi un ano para esquecer, por moito que nos empeñemos. Foi, sobre todo, un ano para quedar abraiadas. Vaites, 2020... sería máis axeitado. Vaites! é todo o que se me ocorre dicir neste peche de ano. Vaites coa nosa sanidade pública, vaites coa hostelería e vaites coa ensinanza pública. Vaites con este ano, que nos cambiou a vida! Porque no trascurso das súas fases, aprendizaxes, desaprendizaxes, alarmas, peches e niveis vermellos, laranxas, amarelos e verdes, tivemos a valentía de sacrificar os bicos e os abrazos, as cañas, as festas, as visitas, as charlas pola rúa e as noites longas, polo ben común. E seguimos gardando na memoria a lembranza dun tempo perdido que nos pertence por dereito, e que debemos recuperar.

Vaites co 2020, porque neste ano gañamos e perdemos dereitos

Aprendemos tamén a importancia de poder ser os de sempre na cea de Noiteboa, a valentía que supón non selo, e a tristura que é botar en falla. Que se pode traballar arreo e conciliar, que as novas tecnoloxías estaban aí para nós, e que só precisaban vontade e un pouco de investimento para sernos útiles. Que a escola pode mudar e adaptarse, e estar en perpetuo movemento, sempre que haxa grandes profesionais ben formadas ao pé do cañón. E que sen a hostelería as rúas perden as ganas, que non podemos vivir sen música, sen cultura, e que tamén pode ser segura, aínda que algúns non o queiran ver. Pero, sobre todo, se algo aprendemos, é que sen sanidade pública non somos nada.

Vaites co 2020, porque neste ano gañamos e perdemos dereitos a partes iguais en cuestión de días, incluso de horas. Foi en 2020 cando este Estado por fin deixou de negar aos e ás súas habitantes o dereito a morrer dignamente, a decidir sobre a súa propia vida, aínda que isto chegue tarde. E pechamos o ano celebrando a vitoria das compañeiras arxentinas, que non sen sangue, bágoas e loita, acadaron o dereito de poder decidir sobre os seus corpos que é, tamén, o dereito a decidir sobre as súas vidas. Unhas vidas truncadas en moitas ocasións por carecer dun sistema que as amparase de xeito legal, seguro e gratuíto. É lei. Porque traer un fillo ou unha filla ao mundo debe ser unha decisión, non unha obriga.

E tamén perdemos. Perdemos o dereito a movernos libremente, a elixir cando, como e con quen saímos á rúa, e ata a despedirnos dos falecidos. Perdemos a opción de manifestarnos, de percorrer as cidades en masa, de berrar alto e claro collidas da man. Perdemos tanto este ano, que a veces ata se nos esquece. Vaites, 2020... canto queda por gañar!

Comentarios