Blog | A fouce

A variante galeguizante

Ás andanzas daquilo que se chamaba Galicia Bilingüe, na súa época de máximo esplendor, por idade, cheguei un pouco tarde. Unha mágoa, a verdade, non ter participado na gloriosa cruzada impulsada por aqueles heroes e heroínas sen capa que me permitiría liberarme da calamidade que hoxe en día supón adicar a meirande parte do meu xa corrompido cerebro a pensar na lingua da miña avoa. O mal xa está feito e, agora, coma a variante Ómicron, vou contaxiando todo ao meu paso, mentres cuspo palabras en galego por toda a cidade. Suban as máscaras!

O que pasa é que se eu hoxe falo galego non é precisamente por obra e graza do sistema educativo que, máis que unha axuda, foi unha tara que aínda arrastro. Temer polo futuro dos e das nenas e xóvenes castelanfalantes nun contexto no que a lingua galega está a rexistrar mínimos históricos, cunha subida ata o 44% na última década no que se refire a aqueles mozos e mozas que nunca falan galego, é un conto coma outro calquera. Agora, ver coma unha ameaza para o castelán a un señor do PP que podería ser o futuro presidente da Xunta, por moito galego que fale, é máis de El Mundo Today.

A única verdade de todo isto é que, polo menos, xa non se agochan: Hablamos Español vailles moito máis ao pelo.

Comentarios