Blog | A fouce

"Hoxe saes no Xabarín Club"

O Porco Bravo que namorou á xeración Xabarín, nunha actuación. RAFA FARIÑA
photo_camera O Porco Bravo que namorou á xeración Xabarín, nunha actuación. RAFA FARIÑA

O carné de socio do Xabarín Club é, para os e as millenials galegas, un ben tan prezado coma o primeiro dente de leite. O noso DNI galego. Gardámolo durante máis de 20 anos no álbum de fotos da nenez, e desempoámolo de cando en vez, se temos que demostrar polo mundo adiante que pertencemos á mellor xeración galega moderna: a Xeración Xabarín.

Os cativos e cativas nados entre os anos 80 e finais dos 90 somos quen de seguir a frase "Temos que buscar as bolas do dragón...", que ninguén xamais entendería fóra das fronteiras galegas. Somos os que defendemos con uñas e dentes que Shin-Chan sempre tivo máis graza en galego, e os que pronunciamos "Doraemon" co e pechado, e non "Doraimon", como din as xeracións máis novas. Os que cantamos Non todo é o que parece con Aerolíneas Federales, Pero que jallo é con Herdeiros da Crus, ou Carmiña Vacaloura, aínda que, no fondo, a todos nos resultara unha figura un tanto arrepiante.

Lembro moitos bocatas de nocilla, e tamén de chourizo, subida ao escenario das cadeiras da cociña, imitando cada xesto e paso do meu irmán maior, berreando aquilo de "Doraemon ten un peto máxico, é o gato do espacio que chegou aquí". E, para sorpresa miña, volvín cantalo máis de 15 anos despois, en pleno botellón da Cidade Universitaria madrileña, cóbado con cóbado cun bo amigo berciano. Pois, a influencia do Xabarín Club non só chegou ás casas dos nenos e nenas do rural galego. Traspasou cidades e irmandounos cos cativos e cativas dos que nos separa unha fronteira imaxinaria. Pois, en realidade, o Bierzo é tan galego coma o norte de Portugal.

Onte espertei cunha ristra de notificacións no teléfono, e entre as mensaxes, estaba a deste bo amigo que dicía: "Parabéns Alba! Hoxe saes no Xabarín Club!". Sorrín e pensei moito na miña foto do carné de socia, coa perrera dos tres anos, que se emitiu ano tras ano na TVG en hora punta ata que xa non me recoñecía nela. "Nesa foto son moi pequena, mamá!", dicía aos 10 anos, e sentaba á mesa para ver Dragon Ball, maxistralmente dobrada ao galego.

Aínda que, co paso dos anos, o Xabarín foise volvendo menos preciso á hora de felicitar á cativada (debeu ser cousa da idade), todas sabiamos que antes ou despois a nosa foto de pequenos ía facer a súa aparición na pantalla. Onte caín na conta, por primeira vez en moito tempo, de que ningún neno ou nena galega desperta xa na mañá do seu aniversario agardando verse na TVG. Algún neno galego sabe que existe a TVG?

Encargáronse ben de que así fora. O ánimo por deturpar, destruir e agochar calquera vía de acceso á galeguización dos nenos e nenas, que non se consegue sen boas políticas lingüísticas que sexan respetuosas co maior dinamizador da cultura propia, que é o idioma, calou ben fondo. Botar por terra o traballo que durante anos fixera o Porco Bravo nos fogares galegos foi, en realidade, ben doado. Pasou por reducir a golpe de machete o seu horario de emisión primeiro, sacalo do prime time infantil que significa o serán despois e, por último, condenalo ao ostracismo na segunda canle da televisión pública.

E aí morreu o derradeiro nexo de unión do imaxinario colectivo entre as novas xeracións. A meirande parte dos cativos dos 90, que xa arrastraban as trabas da castelanización nos fogares -nais e pais galegofalantes que lles falan castelán aos fillos- agora teñen irmáns pequenos, e algúns incluso fillos e fillas, para os que Doraemon é "Doraimon". 

A Mesa pola Normalización Lingüística impulsou recentemente unha iniciativa que pide a habilitación dunha canle infantil e xuvenil con programación actual, atractiva e en galego. Ou o que é o mesmo, un Xabarín Club 24 horas. A ela uníronse moitos concellos coma o de Poio, o de Pontevedra, o de Bueu, ou As Neves, e a recollida de sinaturas é, cando menos, notable. O Xabarín cumpre en abril 27 anos. Naceu coa miña xeración no 94 e feriuse de morte na última década. Van facer falla moitas bolas máxicas do dragón para resucitalo.

Comentarios