Blog | A fouce

Os románticos Mateo e Matilda

El é un home de ciencia, a ela animárona a aprender costura
Nenos e nenas na Semana da Ciencia de Caldas de Reis, descubrindo os elementos químicos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Nenos e nenas na Semana da Ciencia de Caldas de Reis, descubrindo os elementos químicos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A 72 horas da conmemoración do día do amor romántico por excelencia, no que os escaparates superviventes da terceira vaga pandémica que arrasou con todo -incluídas as esperanzas de retomar as nosas vidas canto antes- tínguense de vermello paixón, e no que desfilan caixas de chocolates e ramos de rosas co prezo inflado, que non se cheiraron en todo o ano na maioría dos fogares, a historia máis romántica é a de Matilda e Mateo.

Matilda e Mateo comparten unha paixón. Só que, no caso del é un traballo, e no caso dela, un entretemento a ollos da sociedade. Mateo está a facer o que se agardaba del. É un triunfador. Unha eminencia. Un home de ciencia. Matilda é duramente criticada, en voz baixa, nos cafés entre amigas, que non entenden por que non se apura xa a ter un fillo, que se lle vai pasar o arroz, en vez de perder o tempo entre libros, frascos e apuntes desordenados. A nai animáraa a aprender costura, e o pai non quixo nin oír falar de universidades. Ninguén a tomou en serio. Matilda e Mateo pasan horas xuntos no laboratorio. El pasará á historia por facer un grande descubrimento, que a ela nunca lle será recoñecido.

Matilda ten varias nacionalidades, espalladas por todo o mundo. Matilda é a xenetista estadounidense Esther Lederberg, que desenvolveu investigacións pioneiras que axudaron ao seu marido a gañar un premio Nobel en 1958. Tamén é a física nuclear austriaca Lise Meitner, cuxa labor desembocou no descubrimento da fusión nuclear. En Berlín comezou a colaborar cun coñecido químico que publicou estes descubrimentos sen mencionar a coautoría dela, gañando el un Nobel de Química en 1944. Matilda viviu tamén na biofísica británica Rosalind Franklin, que contribuiu ao desciframento da estrutura do ADN. O Nobel, como non, recibírono tres homes en 1962 por este mesmo traballo. A mesma Marie Curie, nunca chegaría a ser admitida na Academia Francesa de Ciencias, a pesar de ser gañadora dun Nobel compartido co marido e outro en solitario, tras o falecemento del. Tamén hai algo de Matilda en moitas das literatas e xornalistas do século XX, pioneiras no seu tempo, que nunca chegarían a pasar á historia, coa súa obra no esquecemento.

O que hoxe coñecemos como efecto Matilda bátenos na cara se volvemos a vista só un par de séculos atrás, pero borrar a súa pegada no XXI aínda é unha meta por conquistar. O efecto Matilda, estudado por primeira vez pola estadounidense Matilda Joslyn Gage, e que evidencia os prexuizos sobre o recoñecemento dos logros das mulleres científicas, vai da man do efecto Mateo, que magnifica as desigualdades. Unha parella nunha relación tóxica. O eco de Matilda e Mateo está nos fogares, cando se agarda que un neno queira ser astronauta e unha nena, enfermeira. Está nas aulas, cando se ensina a vida de Einstein e non a de Mileva Maric. E nas altas esferas, arredor de todo o mundo, mentres ás mulleres lles custe o dobre de traballo que aos homes chegar a un posto de importancia, ser recoñecidas, citadas en artigos científicos, ou chamadas a colaborar en grandes proxectos.

Hai uns días escoitei nun webinar que xa ninguén investiga sen financiación. Que a investigación é un traballo. Que a ninguén se lle vaia ocorrer! E, sen embargo, o apoio institucional esmorece conforme aumentan as nosas ganas. A Asamblea de Investigadoras de Compostela -e outras moitas en todo o Estado- tivo que ver como o Supremo fallaba en contra do dereito a que os e as investigadoras foran indemnizadas pola extinción dos contratos predoutorais, cunha sentenza previa a favor. Contratadas, pero sen dereitos laborais. E ninguén puxo o grito no ceo. Chove o talento e faltan medios. Pero que ninguén se escandalice! Quizais Mateo lle regale a Matilda unha rosa o vindeiro 14 de febreiro.

Comentarios