Blog | Quitamerendas

A catedral de Santi Araújo

O músico ponteareán deixa atrás La Familia e lánzase en solitario cun disco no que mete ata zanfona 

Santi Araújo nunha rúa de Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Santi Araújo nunha rúa de Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ

De neno entrou con sei pai nun Corte Inglés e saíu cunha guitarra española. "Pero, en realidade, foi unha experiencia frustrante", confesa. "Porque non conseguín domala". O desencontro continuou no conservatorio, "onde non durei nin tres meses". Pero, finalmente, produciuse o frechazo. "Tería 16 anos. Un rapaz ensinoume a tocar unha canción de Oasis". Foi aí, nese punto, cando todo encaixou.

Santiago Araújo (Ponteareas, 1983) adicouse dende entón "semiprofesionalmente" á música. La Familia di que foi o seu primeiro exercicio serio. Era unha banda que montou rodeado de amigos, coa que gravou un disco (en 2011) que acadou certa repercusión. "Pero cando chegou o momento de sacar o segundo traballo, non o vin nada claro". Parouno todo.

Tipo extremadamente inquedo. Vegano. Formado en produción audiovisual na EAV de Vigo  e en cociña no CIFP Carlos Oroza, adícase dende hai anos a desenvolver contidos dixitais. Despois de traballar no que actualmente é Hipertextual, faino agora en weblogs como Xantaka e Genbeta. Hai catro anos pasou seis meses en México, antes de decidir volver a Galicia e afincarse definitivamente en Pontevedra, dende onde prepara o seu debut en solitario. "Marchei a México porque xurdiu a oportunidade de traballar en márketing dixital para empresas grandes". Fíxoo en SCLBITS.  

Pero a experiencia non funcionou. E Araújo decidiu regresar. "Non sei se era Castelao o que dicía que non atopas a túa galeguidade ata que emigras. A min pasoume. Aquel non era o meu sitio. Botaba en falta dende a nosa maneira de vivir ata o aire. México D. F. púxome contra a parede". Apareceron os problemas de ansiedade, que o músico encarou, entre outras cousas, realizando a serie de podcasts ‘Santi quiere estar bien’, nos que fala, a peito descuberto sobre o que lle pasaba, con xente cercana: dende a súa moza ao seu amigo o cantante Xoel López. "Teño que recuperalos e subilos á miña web actual".

O caso é facer cousas. "Sempre fun unha persoa moi inqueda. En realidade, creo que todo o que fago, a música, a cociña e os contidos para internet, ten que ver coa necesidade de comunicarme cos demais. Seguro que hai xente que non precisa nada disto e prefire saír a ligar ou adicar o tempo a outra cousa. Pero eu o que necesito é isto. Impórtame moito".

Cóntao todo. Cántao. E compárteo. Un exemplo: cando desapareceu o seu can, compúxolle unha canción. Días despois, o animal apareceu. Narra toda a historia na súa web. Tamén nas redes sociais falou da angustia que lle provoca ron os incendios forestais de finais do ano pasado, que o pillaron na súa aldea, Fornelos da Ribeira, dende onde foi axudar a apagar o lume cos veciños. "Leveino fatal. Porque para min o monte é sagrado. Máis que a nosa propia existencia. Desquicieime bastante con iso".

Pese a ter tantas frontes abertas, Araújo non se agobia. Porque o importante para el é non ‘encasillarse’. "Así é a liberdade, supoño. Pasar de etiquetas, pasar de quedar encaixado nisto ou no outro. Podo facer o que queira e sentir que en todas esas cousas son eu mesmo". Precisamente, o de terse apartado da música durante un tempo tivo que ver con isto. "Acabei ata os ‘huevos’ da farándula e dese empeño en seguir inercias de modelos anteriores absolutamente caducos mentres hai xente incrible facendo cousas alucinantes que non se come nada". Cansou. Ata o punto de pasar un par de anos sen tocar e sen compoñer. Despois saíu todo de golpe. "Como un acto de necesidade: acabei compoñendo 60 cancións en dous meses. Confirmei que necesito a música. Tamén é o meu bálsamo contra a ansiedade. É a miña táboa salvavidas. Non a vou poder abandonar xamais. E sabelo faime moi feliz".

Tras esta constatación chegou a gravación de ‘Catedral’, o seu novo traballo en solitario, un disco gravado en directo nos estudios 360 de Madrid (un espazo que tamén utilizaron Iván Ferreiro ou Jorge Drexler), da man do produtor Raúl Quilez (Paco de Lucía, Carlos Jean...) e con músicos da talla de Gonzalo Maestre (Marlango). Ao traballo realizado alí sumáronse despois, en Galicia, os arranxos das zanfonas, as pandeiretas, os pandeiros e as culleres. "Agora toca ter un pouco de paciencia e conseguir que o disco saia como debe saír. Porque por sorte xa sei o que quero".

Comentarios