Blog | Quitamerendas

Lamazares volve ao Courel

María Díaz (About Art) é a comisaria da exposición 'Flor Novoneyra' no Gaiás

"QUERO QUE o meu testamento pictórico sexa Flor Novoneyra porque coma el penso que a Terra aínda é nova e que todo o importante que temos que dicir xa o dixo ela", di Antón Lamazares. O creador de Lalín protagoniza unha das grandes exposicións do ano en Galicia, un proxecto a través do que realiza unha homenaxe a Uxío Novoneyra, conectando a súa pintura coa poesía do autor do Courel. Inaugurarase o 2 de xuño na Cidade da Cultura, onde permanecerá ata o 17 de setembro. A súa comisaria é María Díaz, a responsable da galería pontevedresa About Art. "Estou encantada con Lamazares. Conectamos dende o primeiro momento. É un deses artistas que ten moi claras as cousas, co que é moi doado traballar. Cada día con el foi unha aprendizaxe", conta a comisaria. 

Antón Lamazares. FOTO: MIGUEL VIDAL


Para María Díaz, sobriña e afillada de Uxío Novoneyra, a involucración neste traballo tivo ademais unha parte de emoción íntima importante. "Flor Novoneyra é un proxecto con moita historia que comeza a finais dos anos 60, cando Lamazares recibe o libro Os eidos da man de Xavier Pousa a modo de agasallo. Nese momento, el, que tamén escribía poesía, entra en contacto con Novoneyra. Séntese moi identificado e pensa que todo o que el quere escribir xa o escribiu Novoneyra. Dáse unha conexión, unha identificación, entre os dous homes e o seu traballo coa idea de Galicia como fondo".

Anos despois, en 2014, cando lle dan ao poeta Carlos Oroza a Medalla de Oro do Círculo de Bellas Artes, Lamazares coincide no acto coa familia de Novoneyra. Oroza preséntaos e comezan a falar. O de Lalín xa tiña algunha obra feita en homenaxe ao poeta, pero é aquí cando comeza en serio un proxecto do que saen 181 obras, que deu por rematado o pasado 19 de marzo. "Toda a historia chega a min a través do meu curmán Uxío, que é o que lle fala a Lamazares de min. A raíz diso acabei como comisaria da exposición, un dos proxectos máis importantes aos que me teño enfrontado profesionalmente".

A comisaria di que non lle resultou difícil coordinar a exposición. "Porque, en realidade, todas as pezas do proxecto poden entenderse como unha soa", di. "Deuse unha fusión da pintura cosa poesía sía, a través do Alfabeto Delfín, un alfabeto creado por Lamazares en homanaxe a seu pai, que se chamaba Delfín. Empezou a empregalo na súa pintura en 2012 e fixo o traballo de Novoneyra usando este código". Para a comisaria, o que temos aquí non é outra cousa que é unha relectura da poesía de Novoneyra. "Realmente é unha homenaxe do pintor ao poeta, ao que directamente chama o pai".

Flor Novoneyra vaise poder ver no terceiro andar do Museo Gaiás, una espazo cultural que María Díaz defende. "Entrar na Cidade da Cultura nun principio dá un pouco de vertixe, pero eu penso que é un dos grandes espazos que temos en Galicia e hai que sacalo adiante. Porque ten moitas e grandes posibilidades e un equipo estupendo". O resultado é "un proxecto no que importa que se vexan ben as cousas, dunha maneira limpa e sinxela, porque non precisan máis".

Comentarios