Blog | Quitamerendas

Músicos 'primordiais'

Marcelo Dobode (esquerda) e Luis Martíns tocando no seu sofá, á beira do río, en Aranza (Soutomaior)

Foron co sofá da súa casa dun lado para o outro. Colocárono en diferentes espazos de Soutomaior, Vilaboa e Redondela e deixáronse gravar polo realizador Raúl Moril. "A verdade é que foi un chollo. Toda unha aventura. Pero queriamos aproveitar este videoclip para mostrarlle ao resto do mundo que Galicia é marabillosa". Os escenarios foron escollidos coidadosamente. "Por exemplo, aparece a antiga vía do tren de Vilaboa, que está abandonada e sobre a que nós reivindicamos que se faga unha vía verde que una Vigo e Pontevedra. Ou, nun plano máis persoal, aparece o río que está preto da miña casa, onde nos bañamos no verán". Levan máis de 7.000 reproducións.

Marcelo Dobode (Pontevedra, 1980), músico e mestre da antiga Aula Folque de Pontevedra, agora en Arte en Bruto (no Centro Leste), e o seu curmán Luis Martíns (Soutomaior, 1976), lutier e músico tamén, que formou parte, por exemplo, de Sondeseu, xuntáronse hai cinco anos para darlle vida ao proxecto Primordiais, "que nace da unión do sangue e do bo entendemento". Un á percusión e o outro á arpa. Sen prexuízos. Sen complexos. Sácanlle ritmo a calquera cousa. "Ah, claro. É que eu aprendín coa xente maior que calquera cousa vale para tocar, dende unha tixola a unha lata de pimentón. Coa arpa, as pandeiretas soan moi fortes, tivemos que adaptalas, pero no videoclip co que aparezo é cunha palangana, que é perfecta. Teño varias e lévoas aos concertos". En Pontevedra actuaron en directo, o ano pasado, na festa dos anos 20 Ponte Coqueta. A próxima vez que subirán ao escenario será o 18 de febreiro en Redondela (Auditorio da Xunqueira, 21.00 horas, 7 euros).

A canción do videoclip, Por ti, moreno, é a que escolleron para presentar oficialmente o seu primeiro traballo. "Este tema tocábano as orquestras galegas entre os anos 20 e os 50. Eu doulle clase a mulleres de Fornelos e de Ponte Caldelas. As de Laxoso foron as que o levaron á pandeireta porque lles gustaba. Non verás que ninguén da música tradicional recolla ese tema". Pero Primordiais si. "Pero claro que si! Se é música galega! Hai que reivindicar que hai moitas idades da música e hai que reivindicar a alegría do pobo galego, que senta arredor dun tipo tocando unha palangana e se pon a bailar". Na música tradicional galega non hai nada parecido. "A música evoluciona co tempo. Vaise adaptando e transformando. Non podemos quedarnos só na recollida porque iso xa non chega", di Dobode. "Eu son deste tempo. Vivo no campo hoxe. Sei o que é sachar, botar unha horta e facer un palleiro, traballar cos veciños ou xuntarse nunha casa a facer un serán. E, a partir de aí, fago a miña música neste tempo. Hai que seguir creando música galega actual. Fai moita falta. Moita. Non se compón música tradicional. Ou se recolle ou se fai pop. Como máximo, actualízanse composicións recollidas, que é fermoso. Pero eu quero outra cousa. Quero compoñer unha xota ou unha muiñeira hoxe".

Dobode e Martíns coñecíanse dende había anos, porque estudaron no mesmo conservatorio, pero ata que o primeiro se mudou a Soutomaior non sabían que eran curmáns. Uníronse e reinventáronse como músicos. Comezaron tocando en bares e nalgúns teatros. Como funcionou decidiron publicar un disco con composicións propias. Gravárono na casa do músico Eliseo Parra, toda unha referencia na escena da música tradicional española. En directo. "É un disco que ten alma". Feito paseniño: publicouse o ano pasado. "Si que costou, pero a min gústame facer as cousas con calma, como o caldo nas cociñas de ferro".

Dobode conta que se inspirou no material tradicional que foi recollendo para compoñer os seus temas. Así saíron cancións como Abalarte, que está composta na Illa de Arousa, nunha casa que compartían artistas como Uxía Senlle, Uxía Pedreira, Guadi Galega e Xabier Díaz. "Era un sitio marabilloso e alí foi que compuxen este arrolo que me cantaba a min mesmo. Está adicada ás estrelas da ría". Ou a xota Flor de canela "adicada a toda esa xente que se mira pola rúa e se namora". Ou o poema de Lorca Zorongo gitano, "que incluímos porque neste disco cántolle sobre todo aos homes".

Candidatos aos Premios MIN


Primordiais é un dos grupos de Pontevedra que vén de ser aceptado como candidato aos Premios de la Música Independiente. Tamén o foi a banda Furious Monkey House. Para elixir aos finalistas destes galardóns, que outorga a Unión Fonográfica Independiente, pódese votar no portal www.premiosmin.com.

Comentarios