Blog | Quitamerendas

Ninguén quere ser animador de maior

A película de animación Anomalisa, de Charlie Kaufman, vén de ser escollida polo xornal británico The Guardian mellor filme do ano 2016. Por enriba de títulos como O fillo de Saúl (Oscar á mellor película de fala non inglesa e Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes) ou Lume no mar (documental gañador do Oso de Ouro no Festival de Berlín). Proxecto realizado coa técnica de stop-motion, Anomalisa, que estivo nomeada aos Oscar e aos Globos de Ouro e que gañou o Gran Premio do Xurado no Festival de Venecia, conta a historia dun motivador profesional que, canto máis axuda á xente, máis monótona e anodina sente que se volve a súa vida. Todo o mundo lle parece e lle soa igual. Ata que a voz dunha moza lle parece diferente. Por ela está disposto a abandonalo todo.

Na provincia de Pontevedra, Anomalisa puido verse nos Multicines Norte de Vigo hai unhas semanas. Cando chegan os títulos de crédito, o primeiro nome que aparece na quenda dos animadores do filme é Daniel Abalo. Galego. Do Grove.

"Ninguén di que quere ser animador de maior", recoñece Daniel Abalo (O Grove, 1981). E, sen embargo, acaba por pasar. Mesmo por ser o soño cumprido dun ex-estudante de Veterinaria en Lugo ("ese si que era un soño infantil, pero o primeiro día que tivemos que abrir un animal, decateime de que non era o meu") reconvertido en estudante de Informática na Coruña ("aínda que deixei a carreira sen rematar") e que no seu currículum tamén inclúe ter formado parte dunha das bandas indies máis relevantes do panorama musical galego da primeira década do século XXI, Nadadora. O caso é que a Daniel Abalo un día lle chamou a atención o mundo da animación audiovisual e acabou traballando con Tim Burton e con Charlie Kaufman. E aí segue: esta mesma semana marcha para Londres. Vai participar no próximo proxecto de Wes Anderson. "Nunca se sabe que lle vai acabar pasando a un na vida. É así".

Cando estaba a rematar Informática, Abalo interesouse pola industria da animación, "aínda que máis ben pensando en formarme como programador ou algo semellante". Empezou a investigar que tipo de profesionais traballaban no sector e como podía formarse. "En España non había practicamente nada neste senso". Matriculouse na escola on-line Animation Mentor. "Un ano e medio erguéndome ás cinco da mañá para poder asistir ás clases, que se imparten dende os Estados Unidos. Non digo máis (ri)". Neste punto o asunto ponse serio. Ficha por Bren Entertainment e entra a formar parte do equipo de El ratón Pérez 2, coa que produtora Filmax lle dá continuidade a Pérez, el ratoncito de tus sueños. É o ano 2008 e Daniel Abalo convértese oficialmente en animador profesional. Sexa o que sexa iso. "Os animadores somos algo así como os actores deste tipo de películas. Ben a través de ordenadores, de tecnoloxía dixital, ben a través de bonecos, cando se trata de traballos en stop-motion, buscamos o que o director necesita. El diche que emoción quere conseguir e ti tes que intentar ofrecérllelo".

Despois de Pérez virían Copito de Nieve e despois O Apóstolo, "a miña primeira experiencia co stop-motion". Esta técnica, na que se especializou Abalo, recrea o movemento de obxectos estáticos por medio dunha serie de imaxes fixas sucesivas. "En concreto, tomamos 24 imaxes por segundo". E aquí chega o momento do seu salto internacional, da man do mesmísimo Tim Burton. "Sabes aquilo de yo no me presentaba al casting, en realidad iba a acompañar a una amiga...? Pois de verdade que o meu foi algo parecido".

Cando rematou O Apóstolo, Daniel Abalo púxose a traballar noutro proxecto para Bren Entertainment por ordenador. Algúns dos seus compañeiros marcharan traballar a estudios de animación internacional como Aardman, con sede en Bristol (Reino Unido) e responsable de títulos como os de Wallace e Gromit. Un amigo convidouno a visitalo alí aproveitando unha xornada de portas abertas. "Así aproveitas e botas o currículum, díxome. Dábame unha preguiza tremenda, pero como tamén tiña compañeiros traballando en Frankenweenie en Londres, animeime a facer a viaxe e velos a todos". O día que visitou os estudios nos que se preparaba a película de Tim Burton, á saída, atopouse cunha produtora coa que traballara en O Apóstolo. "Preguntoume se me apetecía facer unha proba para animar. Díxenlle que si, que claro. E colléronme. Parece imposible que estas cousas pasen, pero pasan. Así que é verdade que un ten que saír da casa buscar as oportunidades".

Comentarios