sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Os tres de 'Fariña'

Xúlio Abonjo, Xosé Manuel Esperante e Miro Magariños son os actores vinculados a Pontevedra que participan na serie baseada no libro de Nacho Carretero, o fenómeno televisivo do ano

Miro Magariños, Xúlio Abonjo e Xosé Manuel Esperante, de esquerda a dereita, paseando polas rúas de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Miro Magariños, Xúlio Abonjo e Xosé Manuel Esperante, de esquerda a dereita, paseando polas rúas de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

SON MONCHO Charlín, Cándido Silva e Nino Balbín. Ningún deles existiu na realidade, aínda que aos tres é sinxelo recoñecelos na historia do narcotráfico galego que se conta en Fariña, o libro de Nacho Carretero secuestrado por unha xuíza tras unha denuncia do exalcalde do Grove Alfredo Bea Gondar e no que se inspira a serie de Bambú que vén de converterse no fenómeno televisivo do ano (Antena 3, mércores, 22.40 horas; no último capítulo, tres millóns de espectadores en toda España e 44% de share en Galicia).

Xúlio Abonjo (Pontevedra, 1974) interpreta a un dos fillos de Manuel Charlín. Forma unha especie de dúo co seu irmán Paquito, ao que dá vida Xosé Antonio Touriñán. "Somos algo así como os Pepe Gotera e Otilio do narcotráfico galego". Xosé Manuel Esperante (Escarabote, Boiro, A Coruña, 1974, afincando en Pontevedra dende hai doce anos) é Silva, un tipo que lle rouba cartos precisamente aos Charlíns e acaba recibindo unha malleira que o leva a colaborar coa Garda Civil e a pedirlle axuda a un narco rival. E Miro Magariños (Cuntis, 1957, afincado en Barro e vinculado dende sempre a Pontevedra, onde mesmo ten a súa tenda Don Coiro) dálle vida a Balbín, un político local que mantén unha relación fluída cos narcotraficantes. Son os tres pontevedreses de Fariña.

"Enseguida vimos todos que estabamos a facer unha boa serie. Agora, a repercución que está tendo... Sinceramente, non creo que ninguén contara con iso", explica Xúlio Abonjo. "Non é só que guste, que iso si que se entende, porque, insisto, é unha serie que está moi coidada, da que se gravaron dez capítulos en seis meses, amodo, pero é que se está a converter nun auténtico fenómeno". O orgullo que sentía o equipo realizándoa contaxióuselles agora aos espectadores. "En Galicia hai, de súpeto, como unha especie de orgullo patrio con Fariña. Nótase nas redes sociais, onde se saca peito polos actores, polo acento, por todo", conta. "E está ben, aínda que ás veces che dá a risa pensando, por exemplo, que a boas horas imos descubrir a Morris".

Xosé Manuel Esperante pensa igual. "Eramos moi conscientes de que o produto tiña moita calidade, pero sabiamos que iamos cunha temática complicada a unha canle xeneralista, cun público acostumado a outras cousas. Había certo medo, claro". Por iso, segundo di, agora a alegría é dobre. "Porque estea funcionando e por confirmar que a xente tamén quere ver outras cousas na televisión, ficcións máis honestas. Hai que felicitar a Bambú por esta aposta valente". Este actor, que compaxina os seus traballos audiovisuais (Lobos sucios) co teatro en compañías como Baobab ou Ibuprofeno ("o 3 de maio estaremos no Teatro Principal con Casa O’Rei"), insiste na calidade do equipo que traballou na proposta. "De verdade que eu tiven moitas veces a sensación de estar rodando cine: polo ritmo, polos espazos naturais... Á hora de traballar iso dálle outro peso á historia".

Miro Magariños, que renunciou por Fariña ao papel para o que fora seleccionado na outra gran serie española gravada o pasado verán en Galicia, Vivir sen permiso (sen estrear), onde tamén facía de alcalde ("¿Predestinado á política? Que va, non teño estómago"), repite os argumentos dos seus compañeiros. "O mellor de todo isto é que o público se enganchase a un traballo de tanta calidade, que non sempre pasa. Pero é que en Fariña hai un traballo actoral, unha fotografía, unha dirección de arte, unha dirección... brutais. Aquí só queda dicirlles aos de Bambú, chapeau! Puxeron toda a carne no asador e non deixaron que se lles queimase. Hai moito que agradecerlles. Entre outras cousas, axudar a desmentir que ese modelo barato de ficción televisiva, máis convencional e con supostos valores engadidos de produción, como actores con máis nome, aseguren o éxito".

CONCHI IGLESIAS. Os tres actores coinciden en destacar a confianza que depositou neles a responsable do cásting da serie, Conchi Iglesias. Tamén coinciden en que ningún dos tres considerou necesario coñecer a ningún personaxe real da historia para realizar o seu traballo. "Os actores o que temos que sacar adiante é un guión. Se se tratase dun biopic, aínda podería darse o caso de que resultase interesante coñecer a persoa real para pillarlle acenos, voz... Pero en Fariña non se trataba diso", explican. O caso de Magariños foi particular. O actor confirma que o seu personaxe está inspirado en Nené Barral, ex-alcalde de Ribadumia que lidiou con varios procesos xudiciais por blanqueo e contrabando. "Eu traballei pensando nel, si", explica. "Aínda que non foi nada sinxelo, non penses. Quixen ver, por exemplo, uns vídeos dunha televisión local, vídeos que xa se emitiran publicamente, para achegarme ao personaxe, e non mos quixeron ensinar. Dixéronme literalmente que era un home moi maior, moi enfermo e que, ademais, era inocente de todo iso do que se lle acusaba. Para que vexas a influencia que seguen a ter estes personaxes".

Máis opinións coincidentes: os tres recoñecen que as denuncias que se puxeron contra o libro e a serie axudaron a promocionala, pero foi a calidade do produto a que enganchou e retivo ao público. Neste punto, chaman a atención sobre a situación da liberdade de expresión en España. "A min, como cidadán, paréceme flipante que vivamos nun país no que se secuestren libros, no que se poida condenar a un rapeiro por unha letra, no que se siga falando de inxurias á coroa ou de ofensas ao sentimento relixioso. Hai que empezar a deixar atrás dunha vez a Idade Media". Comenta Abonjo que, do mesmo xeito, cando se lle pregunta polo perigo de contribuír á mitificación dos narcos dende a ficción, prefire poñer o foco noutros temas que se reflicten na serie e que parecen pasarse por alto. "Pensar que contribuímos a enaltecer a figura dun narcotraficante paréceme que é algo que non ten sentido ningún. O que si me preocupa é algo que si que aparece nesta serie e do que non se fala: a relación entre o narcotráfico e a política neste país". Magariños cre que a simpatía popular polos narcotraficantes non é algo que se dea a partir da ficción. "A xente apreciábaos na realidade. No seu momento, eran o espello Miro Magariños, Xúlio Abonjo e Xosé Manuel Esperante, de esquerda a dereita, paseando polas rúas de Pontevedra. javier cervera-mercadillo Na ficción do éxito e dos cartos no que moita xente se quería mirar. Era así cos narcos e era así con Mario Conde. Ata que se viu que había por detrás. Entón a perspectiva cambiou e pasou a verse doutra maneira. Socialmente hoxe a visión é completamente diferente. Co tempo foise recolando todo". Esperante volve a cuestións relacionadas coa liberdade. "Existe unha sensación xeral de que vivimos un momento no que se está a fiscalizar todo demasiado, no que cada vez se lles poñen máis límites á liberdade de expresión e ao humor. Queda como un pouso de represión. Iso si que é preocupante". 

Os tres intérpretes agardan que o éxito de Fariña supoña un punto e á parte na ficción televisiva en España. "Ogallá. Ogallá máis produtoras se arrisquen así. Que o modelo se copie. Que se aposte por temas como este, tratados desta maneira, gravados desta maneira, cun elenco como este. Ogallá".

Os tres de 'Fariña'
Comentarios
ç