Blog | Quitamerendas

Viñetas sobre elas

Os premios Virxinia Pereira recoñecen un cómic que revisa a figura de Penélope

PENÉLOPE AGARDABA por Ulises. En Ítaca. Ao longo de 20 anos. Así o deixou escrito Homero. A dela non é unha figura demasiado importante nesa historia épica de aventuras protagonizada polo seu home. Como case todas. Ela queda na casa. Punto. Tece e rexeita pretendentes. Punto. Non hai máis.

En Ítaca, a obra de Francisco Pérez Outes que vén de gañar o primeiro premio do certame Virxinia Pereira, sen embargo, Penélope ocúpao todo. "Corre, Penélope, corre. Pode que nese barco veña o teu Ulises. Din que esperaba que todos os mariñeiros desembarcaran. Ulises! Ulises... Ulises? Para que lle contaran historias das súas viaxes. Viches ao meu Ulises?".

No medio dunha xornada de homenaxes, concentracións e performances, o pasado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Pontevedra fixo públicos os gañadores dos I Premios Virxinia Pereira de Banda Deseñada pola Igualdade, que convocou en colaboración coa escola de banda deseñada O Garaxe Hermético. Francisco Pérez Outes fíxose co primeiro premio do certame. En segundo lugar quedou o traballo titulado A calquera, de Pablo Prado Fernández, e no terceiro, Encontros na noite, de Adán Álvarez Rivas. Elísabet García Aires, con O meu fogar, recibiu un accésit e a debuxante arousá Emma Ríos, o premio honorífico, en recoñecemento á súa traxectoria internacional. Os galardóns serán entregados no marco da Gala da Igualdade, que o Concello celebrará no mes de novembro e na que se fará tamén entrega dos premios Ernestina Otero, dirixidos a traballos universitarios.

"Recibimos 22 obras no certame", explica o debuxante Kiko da Silva, director de O Garaxe Hermético e presidente (sen voto) dun xurado que conformaban Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Fernando Llor e Cynthia Alfonso Barreiro. "Do conxunto de traballos presentados, dez estaban asinados por mulleres". Para Da Silva a cifra confirma o interese que existe entre os autores de banda deseñada polo concurso e as posibilidades que pode ter de cara ao futuro. "Este é un certame aberto e inclusivo, no que non se segrega, como penso que se debe facer, porque aquí estamos a falar dunha cuestión na que debemos implicarnos todos. O feminismo é cousa de mulleres e de homes. Nos Virxinia Pereira concúrsase co sistema de sobre pechado, o que non permite coñecer quen é o autor do traballo ata que se decide cales son os galardoados".

"O feminismo é cousa de homes e de mulleres", di Da Silva. "Temos que implicarnos todos"

Os premios, que levan o nome da muller de Castelao, foron creados coa intención de recoñecer obras nas que prevalecese o argumento feminista ou marcadamente feminino. "A nivel gráfico, en xeral, as propostas eran dunha calidade moi alta", conta Da Silva.

"A nivel de guión atopamos bastantes coincidencias entre unhas historias e outras. Baixo o meu punto de vista, segue habendo moitos tópicos sobre o xénero, o que quizais levou a malinterpretar as bases nalgún caso e presentar traballos próximos ao panfl eto institucional. Neste sentido, intentamos recoñecer aquelas historias que achegaron algo a maiores. Porque o que buscabamos era concienciar a través dunha boa proposta de banda deseñada, non facer unha campaña. Para un autor que se enfronta a un traballo deste tipo o fundamental é atopar o equilibrio".

Un exemplo do que pedía o certame foi a obra que recibiu o primeiro premio. "Exactamente. En Ítaca recréase a historia da Odisea, pero dende o punto de vista da muller que agarda o regreso de Ulises", explica o director de O Garaxe Hermético. "É un claro alegato da feminidade, da rebelión da muller que se supón que queda tecendo e agardando, renunciando a unha vida propia. A achega é diferente e contraponse á submisión".

Comentarios