Blog | Non tes tu fe

A habitación propia

Sigo con interese o fío de Twitter que Ledicia Costas inaugurou hai case tres semanas para contarnos, case en tempo real, o proceso de escrita da súa nova novela. Ledicia ten, literal e figuradamente, unha habitación propia, aquela que reivindicara Virginia Woolf en 1929 nun texto no que reflexionaba sobre a importancia de que as mulleres contasen con cartos de seu e un espazo propio, tanto físico como metafórico. Que vivisen en igualdade.

LIBROS v
Non están todas as que son, pero si que son todas as que están. C.G.

Case un século despois, estamos a celebrar nestas datas o Día das Escritoras, efemérides instaurada hai só seis anos no luns máis achegado á festividade de Santa Teresa de Xesús. Por iso é unha xornada para reivindicar ás mulleres novelistas, poetas (que non poetisas), dramaturgas e contadoras por escrito. E para deixar moi atrás aqueles plans de estudos que ignoraban as autoras femininas, se é que realmente podían chegar a asinar co seu verdadeiro nome.

É hora de mirar cara adiante e festexar que, aínda que queda moito camiño por andar e moita igualdade por acadar, podemos sentirnos orgullosas, sen irmos moi lonxe, dunha xeración  de literatas que inclúe a Costas, pero tamén a Berta Dávila, Eva Mejuto, Antía Yáñez, María Oruña, Emma Pedreira, Olga Novo, Arantza Portabales, Sara Vila, María Reimóndez, María Solar ou Carmen Quinteiro. Non están todas as que son, pero si son todas as que están.

Apunten e non deixen de lelas.

Comentarios