Blog | Non tes tu fe

A tea de araña

Esta noite soñei que decidía non escribir esta columna e en canto espertei collín papel e lápis para non deixar escapar esa sensación de desacougo que non se esvaeceu co son do espertador.

Soñei que non a escribía e non era por autocensura. Era por medo. No soño (pesadelo?) eu tamén era xornalista, pero a cidade non semellaba a mesma. Aínda que brillaba o sol e o chan estaba mollado, como se despois da tempestade chegase a calma, a sensación non era de alivio.

Todo o contrario. Era asfixiante, de medo, porque había unhas persoas, mesmo con armas ben dispostas, que te vixiaban, que te seguían, que te interrogaban cun falso e ameazante sorriso e ti só pensabas en disimular, en agocharte, en mentir para salvarte. Para salvar aos teus. Pechar con chave, finxir.

Só pensaba en como todas nós, como sociedade, puideramos ter chegado a esta situación. Cantos sinais de perigo tiñamos ignorado, cantos semáforos en vermello cruzaramos pensando iso é imposible para que o mal, ás agochadas, acabara envolvéndonos como un mosquito nunha tea de araña, pillándonos (por sorpresa?) ata acabar vendo a nosa derrota nos ollos do inimigo triunfante. Pero aínda hai un xeito de frear ese triunfo ameazante. Non é un segredo. Está nas urnas.

Comentarios