Blog | Non tes tu fe

De andamios e remolachas

Remolachas. PIXABAY
photo_camera Remolachas. PIXABAY

EL CAMPO de Palencia ha sido atacado. Ha sido atacada la remolacha. Yo he vivido cerca de Monzón. Los años tan difíciles que han vivido, como para que ahora vengan a decir que el azúcar es veneno», dixo Pablo Casado esta pasada fin de semana nun acto electoral en Castela e León. É posible que este rapaz (de aquí en diante chamarei rapaz a aqueles que teñan nacido despois de min, aínda que sexan deputados por Cáceres e non lle saiban dar a un botón) siga sen deixar de sorprendernos. E sorte teremos se o fai desde a menos perigosa situación para os intereses da sociedade que é a bancada da oposición.

Hai anos xa que os discursos presuntamente políticos e presuntamente serios que pronuncian os nosos representantes –ou aspirantes– diante dun atril deixaron de ser ambas as dúas cousas máis veces das que deberían, máis pendentes de converterse en trending topic. Xa saben, que falen dun aínda que sexa mal. Pero de aí a converterse nun meme con pase vip ao Congreso hai un brinco que, se fora literal, mesmo sería difícil para Ana Peleteiro.

Hai tempo que os discursos políticos se converteron en memes de Twitter

Seguro que todas lembrades o famoso programa Las noticias del guiñol, onde uns títeres que escenificaban uns brillantes guións nos enganchaban á pantalla, pois facían realidade aquelas escenas que máis ou menos viñamos advertindo detrás daquelas sesudas comparecencias, naqueles anos noventa nos que todo parecía moito máis serio a través da pantalla ou dos periódicos. Ben, certamente durou ata ben entrada a primeira década do século XXI.

Finalmente o espazo deixou de emitirse. Sería porque a realidade, unha vez máis, supera á ficción? Sería porque é agora (algunha) clase política a que executa perfectamente ese papel con luz, cámara, taquígrafos e unhas redes sociais que non perden punto? Que lles fai pensar que o están facendo ben cando a xente ten que pararse a contrastar se o que acaban de escoitar (mesmo ver!) non é un invento de El Mundo Today? Porque, realmente, a industria dos deep fake, eses vídeos que xurariamos que son reais pero que realmente son montaxes, está alarmantemente moi avanzada.

Xa o vimos antes. Tantas veces que me custa lembralas todas. Fixeron risa do ministro de Consumo cando vetou a emisión de publicidade de alimentos e bebidas non saudables en horario televisivo para público infantil e adolescente e contraatacaron enchendo o bandullo de tigretóns. Presumiron de pratos con tallada de dubidosa calidade e mesmo de escasa boa apariencia para protestar polo consello do mesmo Garzón de reducir o consumo de carne vermella por ser mellor para a saúde das persoas e tamén do planeta. Agora é a quenda da pobre remolacha, que se ben cruda en ensalada está ben boa, é unha das principais materias primas das que se extrae o azucre co que despois se aderezan produtos como as bebidas azucradas. Como ben dixo un tuiteiro nas redes, menos mal que estaba en Palencia e non en Colombia. Salvemos as nosas plantacións!

Pero unha cousa son os memes humanos vestidos con chalecos acolchadiños, e outra esas estampas como a que a deputada de VOX Macarena Olona interpretou con dous individuos diante dun andamio que leva prohibido desde 2004. Non sei se teñen máis perigo eles ou a propia estrutura metálica. Xunto con eses tipos, presuntamente obreiros ou quizais actores de medio pelo, critica a quen tilda de ignorantes aos obreiros que votan a ese partido de ultradereita que o único que fai por eles é utilizalos para a súa propaganda barata que, por desgraza, nos pode saír moi cara a todas.

Comentarios