Blog | Non tes tu fe

Aparcamento de crianzas?

Escolares nun colexio de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Escolares nun colexio de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Confeso que fun unha desas persoas que, de inicio, mirou con malos ollos a proposta realizada hai uns días polo portavoz socialista na Asamblea de Madrid, Juan Lobato. Esta consistiría en abrir os colexios públicos da comunidade durante once meses ao ano e nun horario máis amplo que o puramente lectivo. É dicir, que as escolas poderían acoller as crianzas de sete da mañá a sete da tarde entre o 1 de setembro e o 31 de xullo.

A medida pretendía facilitar a conciliación laboral e familiar e non se trataba de que a rapazada estivera pegada doce horas ao pupitre, pois no horario vespertino non terían clase, senón que serían atendidos por monitores de actividades lúdicas, culturais ou deportivas. Houbo quen puxo o grito no ceo aludindo a un aparcamiento para niños, como se o que pasa na actualidade, con xornadas lectivas de cinco horas, precedidas do Madruga, seguidas do comedor escolar e dunha cadea de extraescolares ata facerse de noite non fora o habitual.

Cal é a diferenza? Que estas clases se pagan. Esta é a rutina de escolares cuxos pais traballan de sol a sol para xuntar unha boa cifra que lles permita pagar toda esta formación ou unha coidadora. Outras familias case non teñen nin para comer e esas crianzas non teñen extraescolares, pero tampouco os pais na casa, traballando arreo polo salario mínimo.