Blog | Non tes tu fe

Aquí xógase!

O grupo Måneskin co trofeo recibido tras gañar Eurovisión o pasado sábado. ROBIN VAN LONKHUIJSEN (EFE)
photo_camera O grupo Måneskin co trofeo recibido tras gañar Eurovisión o pasado sábado. ROBIN VAN LONKHUIJSEN (EFE)

MEDIA TARDE do luns 24 de maio. Vén de confirmarse que o cantante de Måneskin, o grupo italiano que gañou o pasado sábado a edición número 65 do Festival de Eurovisión e que hai tres anos actuara no Son do Camiño, na Cidade da Cultura, deu negativo no test de drogas que lle realizaron tras unha sospeitosa imaxe recollida por unha cámara en plena rolda de votacións.

Damiano David inclinouse sobre a mesa facendo un xesto que se viralizou porque unha chea de xente pensou que estaba esnifando unha raia de cocaína. El explicou que trataba de recoller os vidros dun vaso roto, pero que máis daba xa, porque o seu compañeiro lle dera un cobadazo para que atendera á cámara, xusto como cando te pillan nunha voda chuchando as cabezas das cigalas, e iso era a pista definitiva.

A lenda estaba en marcha e serviu de excusa para que os franceses, segundóns, aproveitasen para querer arrebatarlle a vitoria. Polo visto nas bases do certame pon que está prohibido drogarse, pero nada debe dicir de acabar coas botellas de cervexa, cava e todo tipo de licores (que llo digan ao pobre británico que quedou de último con zero points, a el non llo imos ter en conta) que non faltaban en cada mesa. Xa se sabe, droga legal, igual que o licor café.

Quen contaba, en todo caso. Non sei se me sorprende máis o resultado do test ou que o cantante dunha banda de glam-rock (ou de pop melódico ou de cumbias, por aquilo dos prexuízos) puidese consumir certas substancias. Perdonami, Damiano.

Esa imaxe fixo arder as redes sociais e de súpeto apareceron expertos na materia de debaixo das pedras. O primeiro que me veu á cabeza foi aquela mítica escena de Casablanca na que o capitán Renault dicía ao chegar ao club aquilo de Que escándalo, que escándalo, descubrín que aquí se xoga!, un intre antes de que o xefe de sala lle entregase un feixe de billetes: as súas ganancias, señor. Alzábanse as voces querendo cancelar a canto músico tivera consumido algunha vez algunha substancia ilegal como se, deste xeito, non tivera desaparecido boa parte da herdanza musical das últimas décadas.

O segundo que matinei foi canto pensa que sabe a xente, así en xeral, sobre o consumo de drogas. Se é que todo o mundo que abriu a boca (ou lle deu á tecla) procedeu algunha vez ao asunto ou fala de oídas. Ou simplemente é tan inxenuo de pensar que podía ter feito iso diante de millóns de telespectadores. E canto prexuízo (si, meu tamén, aínda que non por ese preciso instante, a verdade), porque estes rapaces de 20 anos, maquillados, tatuados, despeitados e coas unllas pintadas, puideran ter algunha relación coa droga. Coa ilegal, quero dicir.

Damiano David deu negativo e petoulles co micrófono de cristal no fuciño a todos os que non dubidaron en acusalo por unha imaxe do máis ambigua. O primeiro, o ministro francés Clément Beaune, que xa estaba fregando as mans coa esperada descalificación da banda transalpina para facer gañadora a Bárbara Pravi. O Voilà de Damiano difundido o resultado foi auténtica xustiza poética para todos aqueles galos que pedían, precisamente, xustiza.

E despois do francés, os demais. Porque os veciños do norte aínda foron subcampións, pero que España quedara no furgón de cola con Blas Cantó nin cotizaba. E aínda se preguntan por que. Non vale levar un correcto vocalista cunha canción que non transmitía a quen non entendía a letra nin coñecía a historia baixo unha lúa xigante que nos puxo os pelos de punta ás que vimos a película Fire Saga. Pero isto, amigas, é outra historia.

Comentarios