Blog | Non tes tu fe

Aturuxemos, compañeiriñas!

Custodian os cantares do pasado coa vista no futuro brillante
Tanxugueiras, en la final del Benidorm Fest. MANUEL LORENZO
photo_camera Tanxugueiras, na final do Benidorm Fest. MANUEL LORENZO

"QUE TRES MIL demos te leven e outros tres carguen contigo, por facerme tanto dano, por xogar tanto comigo". Esta declaración de intencións coa que empeza Averno, ese temazo que presentaron Tanxugueiras e Rayden cun vídeo, unha vez máis, espectacular, parece estar feito especialmente para o xurado do Benidorm Fest. Porque a ver quen non imaxina agora a eses tres diaños levando polo aire a cadansúa desas tres señoras ‘expertas’ que, supostamente, foron as culpables da ‘aldraxest’ máxima ao relegar ás nosas cantareiras á quinta posición. Fixérono, presumiblemente, para tratar de contrarrestar así a súa esperada victoria, que acabou confirmándose, tanto no voto do xurado demoscópico como no do público, que utilizou os seus móbiles como armas nunha batalla na que o final aínda non estaba escrito. Ou iso parecía, porque tal e como estaban establecidas de antemán as porcentaxes de voto, o xurado ‘experto’ sempre ía ter a última palabra.

Con nouturnidade e alevosía, estas dignas sucesoras de Maquiavelo exerceron non sei se de pérfidas de película ou de títeres dunha organización que moito presumiu de lavado de cara e de democracia ('el festival que tú quieres'?) para acabar facendo o mesmo de sempre: maquinando para que resultara elixida unha proposta que nin contou co apoio do público nin ofrece nada que non tiveramos visto unha chea de veces, tamén en Eurovisión.

Na madrugada do domingo as redes fervían de carraxe e decepción, pero tamén dese enxeño que fai que as gargalladas superen ás bágoas e aos lamentos. Mellor deixar pasar a oportunidade de opinar en quente. Mellor deixar repousar todas esas conspiracións por moito que despois acaben de confirmarse as vinculacións do xurado coa gañadora ou toda a enxeñería que rodeou á fabricación desa cousa chamada ‘SloMo’. Iso si, desde aquí toda a miña admiración por Chanel, pola súa profesionalidade á hora de interpretala e moita sorte en Turín. Ou non, que máis me dá.

E así, segundo van pasando as horas, mentres Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro volven a Galicia, xunto co seu fantástico equipo, cun merecido recibimento, imos convencéndonos de que, efectivamente, non irán a Turín, pero foron as absolutas gañadoras e nin o seu nome nin a súa arte serán esquecidos.

Para que queren entreterse con Eurovisión se nos próximos meses as agardan unha xira prometedora, un esperadísimo novo disco e a admiración de medio mundo?

Nos seus seis anos de traxectoria fixeron méritos dabondo para ser coñecidas e recoñecidas e tampouco sería a primeira vez que saen das nosas fronteiras, pois xa teñen actuado en Escocia, en Cuba e na India. Pero certo é que a xigantísima repercusión gañada co Benidorm Fest as fixo visibles a ollos non só do gran público galego, senón tamén do español e do internacional. Preguntábame eu o 9 de xullo de 2021, a raíz da publicación de Figa, e da hipotética posibilidade de aspirar a Eurovisión, se 'Españita estaría preparada' para iso. Medio ano despois, a reposta é clara. España, desprendéndose do ‘ita’, está preparada para isto e así o deixou patente, non só co televoto e o xurado demoscópico, senón tamén nos miles de comentarios positivos e emocionantes que inundan os foros, as redes, e os seus vídeos, cuxas visitas, nalgún caso, se contan por millóns. Todo un sentimento que se resume, en cuestión de segundos, co máxico aturuxo co que Olaia Maneiro nos puxo a pel de galiña o sábado pola noite e que pasará á historia.

Elas souberon conxugar o pasado, recollendo e poñendo en valor a riqueza patrimonial que custodiaron tantas mulleres, moitas veces anónimas, cun futuro que se escribe cunha abraiante fusión de estilos e a esperanza de que as novas xeracións sigan este camiño, apostando pola nosa música e a nosa lingua, como esas rapazas ás que agora se lles pasa pola cabeza aprender a tocar a pandeireta ou, simplemente (case nada) empezar a falar galego.

Porque, é obvio, fixeron máis Tanxugueiras polo noso idioma que corenta anos de políticas lingüísticas. Agora só nos queda esperar de que este furor se traduza nunha aposta real e sincera da industria e dos programadores. Que os grupos foclóricos non volvan aparecer nunca de xeito anónimo nos carteis das patronais nin que se lles deixen as ‘calderillas’ do orzamento mentres a recadación vai polo buraco das grandes orquestras, esas que levarán o ‘SloMo’ aos palcos das verbenas máis pronto que tarde.

Como di a letra de Cultura Crítica, un tema de Nao no que participaron as nosas tres heroínas hai case cinco anos, 'viva a nosa historia, a nosa memoria; a nosa cultura é a nosa maior xoia’.

Comentarios