Blog | Non tes tu fe

Bolboreta, bico, barallocas

A metade dos nacidos en Galicia nos últimos 14 anos soña en castelán 
Tanxugueiras volven estar presentes aquí, pois protagonizaron este domingo o acto do Día da Lingua Materna no Gaiás. CULTURA GALICIA
photo_camera Tanxugueiras volven estar presentes aquí, pois protagonizaron este domingo o acto do Día da Lingua Materna no Gaiás. CULTURA GALICIA

BOLBORETA, brétema, bico, axóuxere, xoaniña, bágoa, ledicia, morriña, vagalume, colo, avelaíña. folerpa, lóstrego, toxo, barallocas... Que riquiño todo. A lingua galega ofrécenos un marabilloso catálogo de palabras listas para enmarcar nun cadro de cores pastel e poñelo nun escaparate ben á vista dos turistas. Dos turistas e quizais das persoas estranxeiras na súa propia terra?

É iso o que queremos para a lingua galega? Convertila nun souvenir? Hai ben de anos que non piso Cataluña, pero non acordo de ver en ningún quiosco das Ramblas unha colección de cuncas para o almorzo rotuladas con verbas como petó, papallona ou sonall. E menos en Madrid. Alguén me pode dicir se nos tenderetes da Plaza Mayor se venden camisolas con palabras como mariposa, copo ou niebla? Que bonita palabra tenderete, por certo.

Onte celebrouse o Día Internacional da Lingua Materna, establecido pola Unesco en 1999 para promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta. Este ano o lema elixido é O uso da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe: desafíos e oportunidades, para reflexionar sobre o potencial da tecnoloxía para avanzar na educación multilingüe e apoiar o desenvolvemento dunha aprendizaxe de calidade para todos. Será o momento, definitivamente, de desligar a lingua galega das xestas e os carreiros? Oíches, Siri?

Pero que é a lingua materna? É a lingua na que as persoas aprendemos a falar, a lingua natal, a lingua na que pensamos e soñamos. Unha lingua que para nós é algo máis que un mero instrumento para comunicarnos.

En Galicia hai moita xente cuxa lingua materna é o castelán. Concretamente, cada vez máis segundo van pasando os anos. Según datos do IGE, o 65% da poboación maior de 65 anos aprendeu a falar en galego, fronte á ao 18,89% da rapazada de cinco a 14 anos. O castelán é a lingua materna do 17,7% das persoas en idade de xubilación, mentres que na idade escolar a porcentaxe medra ata o 49,5%. É dicir, case a metade das persoas nacidas en Galicia nos últimos 14 anos aprendeu a falar, a pensar e a soñar en castelán. Case outro 30% aprendeu a falar nas dúas, segundo esta mesma estadística.

E isto é malo, preguntarase algunha xente? Pois si. Imaxinen o que tería que esforzarse Toni Cantó, é un dicir, se lle poñen diante do nariz uns datos que digan isto mesmo do castelán.

Cal é a solución, entón? Máis aló de que calquera familia teña dereito a elixir a lingua na que van medrar as súas crianzas, unha das principais é que o noso idioma non é unha peza de museo, nin un instrumento para vender cuncas e camisolas e láminas de cor pastel que facer combinar coas bolsas do supermercado. Tampouco debería ser a crónica dunha morte anunciada, como a do yamana ou o resígaro, por poñer dous exemplos.

E que aprendan a vivir en galego non é impedimento, senón todo o contrario, para que posteriormente aprendan outras linguas. Así o din os impulsores de Apego, un fabulosa iniciativa á que tamén pertence o Concello de Pontevedra: que o galego sexa a lingua primeira das crianzas vai favorecer o seu desenvolvemento cognitivo xeral, que aprendan outras linguas con máis facilidade e tamén lles vai regalar unha futura liberdade de escolla, entre outras cousas.

O famoso decreto do plurilingüismo non axuda, precisamente, a que isto se faga realidade, pero máis aló da escola, aínda lle imos ter que dar a razón a Román Rodríguez, pois o problema do (non) uso do galego tamén e social. Precisamos un milagre. Encomendémonos ás Tanxugueiras.

Comentarios