Blog | Non tes tu fe

O Calvario da literatura

Feira do Libro Vigo
photo_camera Varias casetas da Feira do Libro de Vigo, este luns 26 de xuño. C.G.

Crucei a ponte de Rande, polo atallo de balde, para ir por primeira vez ao Calvario e ver cos meus propios ollos o que a xente de ben levaba denunciando desde que o venres 23 de xuño se inaugurara a Feira do Libro de Vigo, esa na que só participan cinco librerías, unha delas dunha multinacional francesa que tamén vende discos e aspiradores. Efectivamente, tal como sentenzara Ledicia Costas e refrendaron participantes, a literatura estaba castigada, de cara á parede.

Non é complicado caer en comparacións mesmo sen saír da casa, pensando na Festa dos Libros de Pontevedra, esa grande iniciativa que serviu para esquecer o triste evento anual da Federación de Librarías de Galicia. A programación desta edición preséntase este xoves, preparede a axenda. A nosa celébrase nunha moderna instalación nunha praza do corazón da Boa Vila, coa implicación de todo o tecido literario da cidade (en 2022 foran 13 librerías). 

Na urbe das luces -se ve que só en certa época do ano- as casetas que albergan papel e soños estaban arrombadas frente ás fachadas dos comercios, case como un tesouro agochado nunha rúa peonil daquela maneira, cun exiguo paso que faría boas as beirarrúas da Pontevedra de 1999, entre postos de venda de garrapiñadas, bixutería e camisetas de Iron Maiden.

Que dicir da cativa carpa de presentacións, que non lle chegaba á altura dos nocellos ao prestixio da maioría de persoas convidadas. Unha das principais cidades de Galicia, alomenos por historia e poboación, non merece esta ignominia.

Comentarios