Blog | Non tes tu fe

Cansas de vivilo

Estudiantes pontevedresas na concentración na praza da Ferrería. JAVIER CERVERA
photo_camera Estudiantes pontevedresas na concentración na praza da Ferrería. JAVIER CERVERA

'TE CANSAS de oírlo? Nosotras de vivirlo’. Este foi un dos mellores lemas que escoitei onte, unha xornada na que, unha vez máis, houbo que saír ás rúas e berrar ben forte que o machismo é terrorismo. Que houbo que respirar fondo e contar ata cinco para non estoupar fronte a xente que está "en contra de todo tipo de violencia, contra quien sea". No que vai de ano 52 mulleres e tres menores foron asasinadas en España, vítimas da violencia machista. A última -ogallá o siga sendo cando lean estas liñas e mesmo cando esta folla amarelee envolvendo castañas asadas ou protexendo o fregado- foi Sara, unha rapaza de Tenerife de só 26 anos, á que o seu mozo lle chantou o mesmo coitelo co que a avoa trataba de defendela.

Di o alcalde de Granadilla de Abona, a localidade onde se produciu o asasinato, que Sara non pode ser un número máis, que a súa morte ten que ser un antes e un despois que nos faga reflexionar. Permítanme ser pesimista.

Pesimista porque desde que en 2003 empezaron a contabilizarse as vítimas de violencia de xénero a dramática estatística supera o milleiro de mulleres. E algúns aínda veñen co conto de que as violencias son todas iguais.

Pesimista porque o odio e o rancor seguen estando en primeira fila, porque mentres haxa a quen lle roia que as mulleres saiamos á rúa, que nos empoderemos, que defendamos o que nos pertence (a igualdade, a dignidade, o respecto, a liberdade... ata a nosa vida!) pasarán cousas como que un tipo irrumpa cun coitelo na manifestación contra a violencia de xénero en Granada.

A pequena esperanza de que todo cambie está nas aulas

Pesimista porque nunha localidade de Segovia PP, Ciudadanos e Vox presentaron unha moción para derogar a Ley de Violencia de Género, a mesma que está detrás de 631 sentenzas ditadas nos últimos quince anos. Tres lustros nos que tantos verdugos lles arrincaron a vida a 1.028 mulleres e a 34 menores, deixando 275 orfos e orfas. Que si, que despois PP e Cs recuaron. Igual só se limitaran a asinar un texto vomitivo ideado por ese partido fascista, homófobo, misóxino e tóxico co que pactaron para poder gobernar.

Pesimista porque esta mesma escoria rebentou o acto do 25-N en Madrid, cuestionando a a existencia da violencia machista ante un Almeida indignado, como se non soubera a quen lle vendía a súa alma para, outra vez, poder gobernar.

Pesimista porque estamos nesta situación despois de tantos anos nos que a loita non parou pero alomenos se percibía certo consenso das forzas políticas e mesmo na sociedade, nos que as sentenzas xudiciais reflectían castigos máis acordes co delito, nos que se aprezaba a negra man do patriarcado e nos que semellaban aberracións expresións como a de "crime paixonal" tan habitual non moito antes.

Pesimista porque aínda non quedou suficientemente claro que un maltratador (ata un asasino!) nunca pode ser un bo pai.

Pero este pesimismo ten unha fenda pola que se albica a esperanza. A esperanza que está nas aulas. Esas mesmas aulas que onte quedaron baleiras porque rapaces e rapazas de todas as idades saíron á rúa para darnos azos a quen xa non esperabamos demasiado. Que saíron con lemas e pancartas. Que compuxeron cancións e crearon vídeos (en Valga, en San Clemente, en Placeres ou en Campo Lameiro) para dicirlle a quen queira escoitalos que a educación en igualdade é fundamental para erradicar a violencia de xénero. Porque contra o veleno que soltan algúns como serpes agochadas nun camiño están as Evas coas súas mazás vizosas, valentes e guerreiras.

Comentarios