Blog | Non tes tu fe

Continente España

"Los puntos cardinales? ¿Eso qué es? Algo del cuerpo, ¿no?", responde unha rapaza, nunha idade indeterminada entre a Eso e o momento de poder votar ben cumprido, a unha pregunta que lle fai un reporteiro pola rúa.

O vídeo difundiuno estes días a conta Yo fuí a EGB (fui con til, si) co comentario "ellos no fueron a EGB" (o da til, ya tal). Foi gravado, polo que parece, na famosa rúa Preciados, de Madrid.

Ao longo de catro minutos sucédense varias enquisas a persoas novas -que non menores, necesariamente- nas que se evidencia unha ignorancia que asusta. Nin os puntos cardinais, nin o triángulo cos tres lados iguais (spoiler: equilátero) nin cantos días ten un ano bisiesto nin os decimais do número pi

O da xeografía xa é para non pechar a boca do susto. Xente, algunha que, asegura, "vamos a pasar a la carrera", que non sabe situar España nun mapa mundi. "Es que yo soy de Ecuador". Pero tampouco tiña nin idea de onde quedaba o seu país natal. Nin España, nin Mongolia ("¿eso existe?"). Que confunde Alemania ou África con Groenlandia e México con Brasil (unha décima de segundo despois de presumir de que "yo he estado en México, eh"). Que se empeña en que Arxentina é Bolivia ou Paraguai e que confunde Xapón cunha remota illa preto do Ártico. De Hong Kong ou Wuhan como capitais da China nin falamos.

E todo aderezado con risos e caras de sorpresa. "¿Qué nombre recibe un paraje aislado en el desierto donde hay agua y crece la vegetación?". "¿Qué es un paraje?".

Negueime a crer que isto puidera ser verdade e aínda estou esperando que confesen que é unha cámara oculta e que está todo amañado. Non o cría, ata que alguén próximo me asegurou que aquí mesmo, ao noso carón, había quen pensaba que España era un continente. 

Comentarios