Blog | Non tes tu fe

E se é mañá?

MARIA RAMALLO (1)
photo_camera Juncal, Santos, Ramallo e Portas, representantes das alcaldías do Morrazo, nun paredón de fusilamento semellante a onde asasinaron os titulares deses concellos no 36. ALBA DÍAZ

Nun mundo no que existen seres que aínda negan o Holocausto, non é estraño pensar en que certos acontecementos históricos parecen mentira. Pero aí están para contalo supervivintes do golpe de Estado de 1936, da Guerra Civil, da represión franquista, da posguerra, dos anos da miseria máis absoluta que asolou o país. Certo é que non todos a sufriron, por iso, ao igual que o nazismo, aínda hai quen nega o atraso que supuxeron catro décadas de ditadura.

Están os supervivintes porque non están os fusilados, as rapadas, as violadas ou os exiliados. A súa memoria pervive grazas a iniciativas valentes como a exposición E se fose hoxe?, da Deputación de Pontevedra. Imaxes impactantes con persoas actuais na pel daquelas infelices que nos lembran que o mal non está tan lonxe como podiamos pensar hai dez ou vinte anos, cando a represión fascista nos parecía cousa dun pasado que non se repetiría nin nos peores pesadelos.

Pero a ameaza é cada vez máis real, como ir nun coche sen freos contra un muro ou como ver, armadas só cunhas luvas cativas, as linguas de chapapote cheirento e pegañento que tinguiu de negro a costa galega. Daquela, foi a unión da xente boa o que logrou salvar as praias e a riqueza mariña. Agora precisamos de novo a unión das persoas de ben para facer fronte a ese novo perigo. Estamos a tempo. As urnas son nosas.

Comentarios