Blog | Non tes tu fe

Escola pública... e gratuíta!

Libros de texto. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Libros de texto. BEATRIZ CÍSCAR / ARQUIVO

Cando dixen en Twitter -ou como o seu dono queira chamarlle agora-, aínda bastante sorprendida, que dous libros e un caderniño de Inglés para terceiro de Primaria me custaran 90,60 euros, houbo quen me preguntou se mos pediran nun colexio concertado. Non me coñecía, claro está.

Non, son dous manuais (máis o famoso caderniño que agardo veña escrito e mesmo emborranchado a final de curso) para a escola pública, que achega os outros catro necesarios do Fondo de Libros. E grazas.

Grazas porque, xa o din as noticias, as estatísticas e as caras preocupadas das nais e pais de familia, o gasto medio por escolar en Galicia subirá dos 500 euros, impulsado, sobre todo, polo material e os libros de texto. O 76% admite que terá que recorrer a préstamos ou anticipos da tarxeta, mentres as axudas da Xunta apenas cubran unha parte do gasto.

Teño que darlle a razón ao presidente Rueda cando desbota a gratuidade, porque, efectivamente, hai familias ás que lles sobran os cartos, mesmo para levar á súa prole a colexios privados e concertados, así que non veñan piando polos libros. Pero a escola pública, xa sexan etapas obrigatorias, Bacharelato ou FP, debería ser sinónimo de gratuíta (perdón, pagada cos nosos impostos), tamén incluíndo todo o material necesario.

Comentarios