Blog | Non tes tu fe

Esperando o San Martiño

Aínda non eran as nove e cuarto da mañá do luns cando Gemma, acabada de saír dunha revisión médica á que tivera que ir sen almorzar, se dispoñía a tomar un sinxelo café cunha torrada no primeiro bar que atopou no camiño de volta.

Primeira culpa: non saber onde se metía. Pois nada máis sentar na terraza, dous indixentes mentais da familia dos cochos -a ver se é certo o do dito de San Martiño- que estaban na porta do bar abrevando un deses combinados alcohólicos tan extemporáneos como sospeitosos, empezaron a rir dela mentres roncaban Se ha puesto ahí para que la miremos e ¿Te lo comes todo igual? cando lle deu unha chantada á torrada. Ás nove da mañá dun luns igual os reflexos non están para darlles a resposta que merecían, así que pagou e marchou coa súa carraxe.

A de Gemma é outra máis das vivencias que, mal ou peor, todas vivimos algunha vez. Como a das rapaciñas acosadas por outros dous cochos que lles dobraban a idade, como mínimo, na feira sevillana. Ou como os comentarios que tivo que escoitar Sara, camiño do seu traballo antes do amencer, cos sentidos alerta e a ubicación marcada no móbil durante os cinco minutos a pé entre a súa casa e a parada do metro. Ou como a rapaza que non puido subir a un Vitrasa porque disque ía en «sujetador» e, orneou unha pasaxeira, as mulleres así vestidas van provocando e ata rompen matrimonios.

Comentarios