Blog | Non tes tu fe

Esquece o teu paraugas lila

Manifestación do 8-M en Pontevedra en 2020. DAVID FREIRE
photo_camera Manifestación do 8-M en Pontevedra en 2020. DAVID FREIRE

"LAS FEMINISTAS asumen que ya han alcanzado todos sus objetivos históricos al ver el logo de Iberdrola de color morado". Podería parecer un titular de El Mundo Today. E, de feito, éo. Pero non é falso, senón todo o contrario, alomenos en parte. Porque, efectivamente, ese "grupo empresarial dedicado a la producción, distribución y comercialización de energía" con sede no País Vasco que se autodenomina "líder mundial en renovables", publicou este luns, este 7-M, un tuit no que, con toda a seriedade do mundo, afirmaba que "esta semana abandonamos el verde", a súa cor corporativa, pola morada. "Cambiamos nuestro color por ellas, imprescindibles en IGUALDAD para construir una sociedad mejor para TODOS", cito, textualmente, e respectando as maiúsculas.

Cancelade todos os vosos plans para hoxe. Deixade de escribir verdades coma puños en cartolinas violetas, gardade as pandeiretas e os paraugas lila e buscade algo que facer para as oito da tarde, porque as manifestacións previstas en todo o país xa non son necesarias. 

Non é esta empresa a primeira nin a última que considera que cambiando o tono de pantone xa fai suficiente pola loita que toca cada día. Igualiño que os que tinguen de rosa os seus anuncios o Día do cancro de mama. 

A cor do feminismo é a violeta, pero non podemos quedar co envoltorio. E menos unha compañía coma esta nun momento no que a sociedade está vivindo unha das conxunturas económicas máis dramáticas dos últimos anos, co prezo da electricidade batendo récords a diario e obrigando a boa parte dos habitantes deste país a elixir entre comer ou pagar as facturas, porque o custe dos alimentos tampouco deixa de medrar. Tamén ocorre noutros países (ola Alemaña, Francia, Italia), pero igual aí os salarios son un chisco máis elevados).

As feministas temos poderes, tamén para que baixe o prezo da luz

Nunha situación coma esta, digo, na que encher —é un dicir— o depósito dun vehículo ou da calefacción supón unha sangría imposible para miles de familias.

Nunhas circunstancias tan complicadas coma estas algo habería que facer para esixirlle a quen teña a chave da solución o acceso de toda a poboación a bens básicos coma estes.

Habería. Por iso non tardaron en saír os señoros (ou fulanos random) a reclamar cousiñas, do tipo "estoy esperando que en las manifestaciones del 8-M protesten por el precio de la luz". Claro que sí, José Luis, é hora de esixir isto, pero xustamente hoxe non toca. Ou si, pero igual podes probar ti a organizar unha manifestación tamén. Aínda que sexa hoxe. Ou mañá. Ou o sábado, se non hai partido na tele nin quedaches cos colegas para botar unhas partidiñas á Play.

Porque as feministas temos poderes máxicos para cambiar o mundo, xa ves como funcionan, mesmo para o mal, como cando hai dous anos provocamos unha pandemia mundial que aínda estamos a sufrir. 

Por iso, José Luis ("no es su verdadero nombre", pero podería selo) , que estás desexando ver na manifestación do 8-M miles de pancartas protestando polo prezo da luz e os combustibles, seguro que tes algunha preparada para levar á mobilización sobre a protesta enerxética. Algunha que esixa a fin da discriminación salarial que sufrimos as mulleres, que se rompa o teito de cristal que impide o acceso de moitas a postos directivos ocupados por homes menos cualificados, que se faga realidade a liberación sexual, o dereito a camiñar tranquilas pola rúa a calquera hora e, en definitiva, que logre que o machismo pase a ser un mal recordo do pasado, como a escravitude... Se iso, realmente chegou a acontecer.

Comentarios