Blog | Non tes tu fe

Feminismo integrador

Feminismo
photo_camera Unha manifestación contra a violencia machista. ARQUIVO DP

Non esperaba iso de ti, Pedro. Porque claro, ti non serás como eses amigos teus, de entre 40 e 50 anos, que se impresionan con eses "discursos incómodos" sobre igualdade, eses que, segundo ti e os teus colegas, tiran máis pola confrontación que pola integración. Abaixo coas políticas de igualdade! Que hai un señoros incomodados. Será que xa non poden botar piropos pola rúa? Será que lles parece mal que a baixa paternal se equiparara á maternal? Será que lles estoupa a cabeza ao escoitar a palabra consentemento? Será que ninguén lexislou para que se lles conceda unha medalla automaticamente cada vez que poñen unha lavadora ou non se aproveitan dunha muller bebida?

Acaso se foi "demasiado lonxe" como pensan algúns homes? A mesma pregunta dá noxo nun país no que só nos cinco primeiros meses deste ano 20 mulleres, algunha mesmo embarazada, foron asasinadas só por iso, por ser mulleres. A cifra nos últimos 20 anos achégase perigosamente ás 1.200. 

Nun país no que o presidente dun club de fútbol di que un canteirán condenado por abuso sexual "ha tenido un problema" e queda tan ancho, o feminismo queda lonxe de ser unha ameaza para ningún cishetero. Pedro, xentalla que pensa así xa hai bastante. Tápate un pouquiño.

Comentarios