Blog | Non tes tu fe

Un futuro prometedor

20230924_Ggarcia_220
photo_camera Beaugrand e Coldwell ao seu paso pola rúa Michelena, este domingo, durante a proba de élite feminina. GONZALO GARCÍA

TARDARÁ PONTEVEDRA en esquecer, se algún día o fai, a incrible fin de semana que vimos de vivir. Non son poucas as louvanzas que está recibindo, ben merecidas, a organización deste abraiante evento que foi a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. Non abundarei nos eloxios deste fito na historia da cidade, que multiplicou as emocións positivas. Todo saíu perfecto, din. Estou convencida de que si: a nivel deportivo, económico e social. Non insistirei na emoción que supón ver a túa cidade en medio mundo, aplaudida por miles de persoas que, a modo de eco, falarán da Boa Vila a milleiros de quilómetros.  

Iso pensaba a pé de rúa aplaudindo aos triatletas, pero tamén nas bancadas do CGTD animando ás deportistas. Pensaba tamén, mirando na pantalla xigante a carreira a pé polo corazón da cidade, que hai 25 anos parecería un auténtico milagre que Pontevedra puidera acoller unha proba deste tipo. Penseino e, casualmente, batín na hemeroteca cun incidente máis de oposición á humanización da zona vella que estaba de actualidade hai xusto dúas décadas. 

Que ben vén a perspectiva nestas ocasións! Canto me gustaría preguntarlles a aquelas persoas que aparecen na foto se, vinte anos despois, volverían poñerse en primeira liña de oposición a un futuro prometedor.

Comentarios