Blog | Non tes tu fe

Guapa de cara

Una mujer usa un pintalabios.PIXABAY
photo_camera Unha muller pinta os beizos.PIXABAY

Guapa de cara. Un perfecto exemplo de oración adversativa sen necesidade dun pero. Vai perfectamente implícito. Que sexas guapa de cara significa que de pescozo para abaixo non es nin tan alta, nin tan delgada nin tan ben feita (e xa sabemos o que iso quere dicir) como a beleza facial parecía prometer. Tamén se pode dar o caso contrario, que despois de que a mirada percorra de abaixo arriba un corpo escultural (pero non escultural de Botero, claro está), tropece cun rostro moito menos canónico.

Son, en todo caso, exemplos evidentes da cousificación das mulleres, que tanto nos valen para facer evidente a necesidade de conmemorar o Día Mundial contra a gordofobia (e non da obesidade, que hai tempo deixou de ser unha patoloxía para converterse en factor de risco de enfermidades), como para lembrarnos, un 8-M máis, do lonxe que chegan os tentáculos do patriarcado.

Ben o sabemos as que fomos adolescentes nos anos 90 (e nos 80 e nos 2000...) e agora podemos lembralo (se algunha vez o esquecemos) grazas a un fantástico traballo do Laboratorio de Innovación Audiovisual de RTVE, un proxecto interactivo sobre aquelas referencias culturais e mediáticas cargadas de mensaxes machistas que recibiamos cando tiñamos entre 13 e 17 anos. E que oxalá foran cousa do pasado.

Comentarios