Blog | Non tes tu fe

Igualdade si, pero non así

"A LAS NIÑAS de mi generación nos educaron para ser iguales a los chicos en todo, en eso consistía la igualdad, en ser como los hombres, en hacer todo lo que ellos hacían y como ellos lo hacían. La igualdad, después de todo, era otra forma de obedecer". Tropezo con este parágrafo de Nuria Labari, da súa recente obra El último hombre blanco, a través de Marta Nebot.

O libro vai sobre o poder dos homes de negocios, "sean hombres o mujeres", apunta a xornalista, e sobre a deshumanización que implican eses cargos. Lino apenas 24 horas despois da fabulosa intervención de Luz Sánchez-Mellado no imprescindible encontro As mulleres que opinan son perigosas, celebrado esta pasada fin de semana en Pontevedra. Luz, unha das mellores periodistas de El País (e deste país), relatou a súa realidade con 20, 30 ou 35 anos nunha redacción na que a lactancia era un unicornio rosa, a conciliación non existía e a corresponsabilidade nin se inventara. "Cuando me quedé embarazada empecé a notar el sesgo de género. ¿Por qué? ¡Si ellos también son padres!".

E aínda é hoxe que algún presunto nutricionista lamenta que a alimentación das crianzas empeorara por culpa (santísima culpa, con esa C ben chantada nas costas, á que ela tamén aludiu) da chegada da muller ao mercado laboral. Debe ser que os pais (homes) non saben cociñar. Ou non saben facelo gratis. Porque esa suposta igualdade non se dá ao contrario, porque cando elas se incorporan ao traballo fóra da casa eles non fan o camiño inverso, volvendo ao fogar para asumir os coidados que lles corresponden.

Comentarios