Blog | Non tes tu fe

Por min e por todas as compañeiras

Hai luns que traio o artigo escrito da casa, ou polo menos a idea. Ás veces a inspiración chega a golpe de martes pola tarde, xoves pola noite ou neses momentos nos que o sono non acaba de chegar e parece que as ideas envolveitas na nebulosa onírica son as mellores. Hai quen incluso ten unha libretiña na mesiña de noite para anotalas. Spoiler: case nunca é así e á mañá seguinte rómpese o feitizo, como un mal ligue dunha noite.

É por iso que o 90% das veces chego ao luns pensando de que demo vou escribir, como se non houbera suficientes cousas das que queixarse. Hai luns en que mesmo, por exceso do choio de verdade ou por puro cansazo, delego elegantemente a obriga de cubrir esta columna azul nalgún compañeiro de El Progreso que seguro que ten unha idea moito máis brillante que a miña. Segundo spoiler: ás veces a confianza cae en saco roto.

Imaxinen este luns, a minutos de marchar de vacacións... Pero é despois desas ocasións, sempre tarde, cando lembro que, aínda que custe, é a miña obriga (moral) aproveitar este humilde espazo, pois hai moitas outras compañeiras, en moitos outros xornais, que non teñen oportunidade de facelo, mesmo tendo gañado premios de opinión. Iso si, espazo para que señoros digan señoradas nunca falta.

Comentarios