Blog | Non tes tu fe

O rei vai espido

Xa o dicía aquel raparigo do conto O traxe novo do emperador (Hans Christian Andersen, 1837): "O rei vai espido! O rei vai espido!". Non foi así, literal (e afortunadamente, tamén), pero quedou claro que o personaxe anteriormente coñecido como SM Juan Carlos I está moi lonxe desa "plena forma" que nos quixeron facer crer cando chegou a Vigo nun jet privado que non pagou, como todo. Dese avión baixou unha persoa evidentemente deteriorada no físico e deteriorada, sobre todo, no moral, pois só hai que ver a súa actitude ante o país no que reinou durante 39 anos e ao que agora non se atreve a dar explicacións despois de dous anos de exilio voluntario a 6.000 quilómetros, lonxe de culpas e responsabilidades, que só interrompeu para vir facer que patroneaba o Bribón nunha regata.

"¿Explicaciones de qué?", preguntou, con evidente sorna, ás xornalistas que fixeron horas extra pola súa culpa durante catro días. Pois explicacións por eses trece (presuntos) delitos dos que saíu exonerado non por ser inocente, senón por ser inviolable, grazas a ser quen era, ou por pura prescrición. Grazas a esa Constitución que algúns queren manter incorrupta por sempre xamais, o emérito (demérito?) puido evadir impostos e ter contas en paraísos fiscais, como deixou ben claro a regularización coa que tratou de saír do paso.

Comentarios