Blog | Non tes tu fe

Oda á simetría

Oda á simetría
photo_camera Exemplo práctico. C.G.

UNHA DAS mellores cousas que puido facer a editorial Xerais nos últimos tempos, ademais de fichar á compañeira Sara Vila, foi renovar a imaxe da súa colección de narrativa. Iso non impide que permanezan na retina –e nos andeis– os libros anteriores a maio de 2019 (lémbroo, porque o primeiro desta nova era foi, se non me engano, Infamia, de Ledicia Costas). Libros dunha cor que se asemella á do xamón cocido dependendo do distinto grao de degradación segundo a incidencia do sol no lombro. Un horror.

Case peor é, non obstante, a imposibilidade de ordenalos por autoría pretendendo manter a simetría, pois non cadran os tamaños dos volumes vellos cos novos, pero peor aínda mo poñen esas autoras que bailan entre editoriais (penso en Emma Pedreira, Eli Ríos ou Antía Yáñez) ou entre novelas para persoas adultas e para todos os públicos (ola outra vez, Ledicia), ás que é imposible clasificar a menos que se lle dedique, que sei eu, o seu propio andel a modo de altariño sen ofrenda.

Penso en todo iso, permítanme a licenza, despois dunha fin de semana de reorganización da biblioteca particular, unha tarefa na que o inevitable traballo se compensa coa sensación, case como a de viaxar nunha máquina do tempo, de redescubrir títulos case esquecidos ou ou tantos outros aínda sen ler, cheos de promesas de futuro.

Comentarios