Blog | Non tes tu fe

Onde vas, Vinicius?

Non hai Semana Santa na que non coma rosca nin vexa algunha das películas clásicas desta época, xa sexa Ben-Hur, Quo Vadis ou Os dez mandamentos. Aínda que sexa testemuñal.

Desta volta tocoulle a Quo Vadis, xa saben, aquela romanada, que diría o avó de Cabeleira, dirixida por Mervyn LeRoy en 1951 e grazas á que todas lle poñemos a Nerón a cara (de apampado) de Peter Ustinov, que lle rouba o protagonismo á suposta parelliña formada por Robert Taylor e Deborah Kerr.

Vai ben de veces que a vin, desde a máis tenra infancia, pero nunca cos anteollos de cor violeta tan ben colocadiños. Certo é que ten trampa poñer lentes para ver unha película de hai sete décadas que conta unha historia ambientada hai dous milenios. Obvio que nos ten que voar a cabeza, que se di agora, o xeito do xeneral romano de facerlle as beiras á pobre Ligia, que cando despois dun vergoñento acoso disfrazado de namoramento se rende aos seus supostos encantos, ve que o primeiro que lle esixe o seu namorado é que renuncie á súa fe por el. 

O que nos voa a cabeza non é que hai 2.000 anos, ou 70, pasase iso, senón ver en pleno século XXI situacións que son un calco absoluto, quitando as catacumbas e os baños romanos. Pero aínda queda a esperanza de ternos decatado a tempo e que unha nena de seis anos diga: "pero que señor tan pesado!".

Comentarios