Blog | Non tes tu fe

Pero pasa

(3G8A4919.JPG) pac a parda sin medico
photo_camera Un día calquera, sen médico, no PAC da Parda, en Pontevedra. DAVID FREIRE

Pedir cita no médico e que tarden dez días en darcha. Non debería pasar, pero pasa. 

Que concellos, comarcas enteiras e cidades pasen toda a fin de semana sen médico dispoñible non debería pasar, pero pasa.

Que as urxencias estean saturadas a diario, con meniños e anciás levando a peor parte do deterioramento da sanidade pública, non debería pasar, pero pasa.

Que a televisión pública do país cubra a súa grella con propaganda disfrazada de información e entretemento certamente cuestionable, deixando o mellor da programación para a deshora ou para o caixón dos proxectos esquecidos, non debería pasar, pero pasa.

Que haxa colexios nos que chove dentro e a rapazada deixa os dentes no chan porque se considera que o cambio da cuberta non é prioritario non debería pasar, pero pasa.

Que boa parte da xuventude máis formada se vexa obrigada a emigrar co conseguinte gadañazo á pirámide (invertida?) poboacional non debería pasar, pero pasa.

Que as desigualdades de xénero (económicas, sociais…) sempre as suframos as mesmas non debería pasar, pero pasa.

Que as mulleres volvamos ser sinaladas como as culpables da violencia de xénero en vez de poñer o foco nos agresores non debería pasar, pero pasa.

Que a Xunta de Galicia, en 2022, encargue, bendiga e pague cos nosos cartos unha campaña publicitaria que deixe ben clara a súa postura machista nesta cuestión non debería pasar, pero pasa.

Comentarios