Blog | Non tes tu fe

Polo prezo dun café

Pode ser que estea lendo este artigo na contracapa do Diario (grazas!) mentres dá conta dun café nun bar de Pontevedra, de Barro, de Marín ou de Poio. Quizais con esas moedas coas que pagará a consumición vaia incluído o euro trinta que custa o xornal no quiosco entre semana. Iso que aforra, aínda que logo non teña a man o papel para envolver o peixe ou limpar cristais. Non se pode ter todo.

É posible que con esas mesmas moedas, ademais do custe dos produtos (café, leite, azucre...) deixe aboados os gastos que asume a hostalería para poñer a funcionar a cafeteira: aluguer ou hipoteca, electricidade, auga, salarios (agardo que dignos), a prensa ou ata os canais desas televisións que ás veces sobran. 

Pareceríame ata barato se ademais ese euro e pico do café dá para merecer un petisco que acompañe a consumición (un de verdade, ollo) e ata un trato o máis cordial posible. Quen sabe se ata un vaso de agua da billa!

Con todo iso estou disposta a pagar, con gusto, o máximo que me poida permitir o meu escaso orzamento, porque dez céntimos arriba ou abaixo non son claves nunha decisión coma esta. Porque se ao final non dan as contas, tería que facerlle caso a eses hostaleiros que cando alguén se lamenta da subida de prezos recomenda á clientela que o tomen na casa.