Blog | Non tes tu fe

Os ricos xa non choran

Corenta anos despois da famosa telenovela que tan popular fixo esta frase, podemos dicir que os ricos xa non choran. Agás que sexan Tamara Falcó, pero ese xa é outro cantar. Se chora non será por que teña que pagar o imposto do patrimonio, pensado para quen declare máis dun millón de euros.

Tanto Díaz Ayuso en Madrid en Madrid como Moreno Bonilla en Andalucía decidiron quitar as carautas e liberar da pesada carga de compartir os seus millóns coa plebe a aqueles que, precisamente, son os que máis terían que achegar ao erario público. Migallas para catro, pan quente para catro mil, por dicilo así.

E como en Galicia había que seguir a corrente, pero non tanto, por disimular, a Xunta anuncia unha rebaixa fiscal no mesmo sentido, duplicando a bonificación do imposto de patrimonio ao pasar do 25% este ano ao 50% en 2023. Beneficiará a unhas escasas 8.000 persoas, que poderán destinar estes cartiños ao que mellor saben, aumentando os seus bens suntuarios como xoias, peles, vehículos de luxo, embarcacións de recreo ou antigüidades, sen esquecer os bens inmobles, porque o alimento e a calefacción téñeno ben asegurado.

Non así outras miles de persoas, que sufrirán un inverno máis duro aínda coas arcas públicas máis baleiras que de costume.

Comentarios