Blog | Non tes tu fe

Señora Morant

COÑECÍN a Diana Morant, coa correspondente distancia entre xornalista e ministra en campaña, no mitin das municipais na Peregrina. A titular de Ciencia e Innovación é apenas ano e medio máis nova ca min e durante a súa alocución dixo cousas coas que me vin perfectamente reflectida, como que ela fora a primeira universitaria da súa familia ou que lograra licenciarse grazas á educación pública e ás bolsas do Ministerio de Educación socialista da época.

Estes días, agora noutra campaña electoral, Morant volveu á palestra, pero a que se expuxo non foi esta enxeñeira e política. Foron os señores rancios, machistas e maleducados cos que tivo a mala sorte de compartir debate. Señores como González Pons (PP), ou o imprensentable e condenado por violencia de xénero Carlos Flores (Vox) -o mesmo ao que lle tremían as mans escoitando as auténticas burradas que lle tiña dito á súa ex muller, incapaces de dirixirse a ela como "señora Morant", o mesmo trato que eles recibían. Ademais de insistir en chamarlle polo seu nome de pila, para facer máis o ridículo optaron por fórmulas como "señora ministra" ou "su excelencia" cunhas risiñas que deixarían en vergoña a calquera crío de sete anos. Non só son maleducados, senón que evidencian o pouco que lles gusta o poder en mans dunha muller.

Comentarios