Blog | Non tes tu fe

Sentidiño, por favor

AS SEÑORAS que temos unha idade lembramos que de pequenas podiamos viaxar en coche deitadas no asento de atrás, de pé enganchadas ao repousacabezas do condutor (xa había repousacabezas?) ou ata con outras cinco crianzas ben apertadiñas e algunha máis encrequenada aos pés dos maiores. E os meniños no colo, claro. E como eran aqueles traxectos en autobús ao colexio? A miña posición favorita era de xeonllos no asento mirando para atrás para ir de palique coas amigas.

Pénsoo agora e paréceme unha absoluta aberración. Pero o certo é que 35 anos despois (máis ou menos) aínda hai persoas ás que lles parece normal levar as crianzas soltas nun vehículo, expostas a perder a vida en calquera mal golpe na estrada.

A DGT vén de iniciar unha campaña para intensificar o control do uso do cinto e tamén dos sistemas de retención infantil (SRI) nos vehículos, máis coñecidos como ‘maxicosis’ ou ‘sillas de bebés’. Non só son obrigatorios, senón que deben cumprir toda a normativa en materia de homologación e adaptación á idade, peso e altura da crianza. E non estar caducados, ollo! Ía centrarme na absoluta importancia de que viaxen a contramarcha, pero un lapote de realidade fíxome empezar desde cero: utilicen os SRI. Sentidiño!

Comentarios