Blog | Non tes tu fe

A todas as supervivintes

María Vázquez, nunha escena de 'Matria'. DP
photo_camera María Vázquez, nunha escena de 'Matria'. DP

Pasaron 48 horas desde que puxen un pé no cine para ver Matria. Pasaron dous días e aínda non acabei de recompoñer a alma despois deses 99 minutos nos que a nai e a filla que habita dentro dunha mesma non puido evitar que unha bágoa escorregara pola meixela. Nesa escena da que non vou dar detalles porque as películas non se destripan e porque o merecido e ir velas na pantalla grande. Vaian, corran ao cine máis próximo. Mesmo a proxectan en Pontevedra!

María Vázquez é o diamante engarzado nun colar chamado Matria, a película que mellorou a xa fantástica curta que Álvaro Gago rodara hai seis anos. Un colar que completa un elenco de excelentes actrices e actores que interpretan unha constelación de personaxes que redondean un guión con temas moi galegos e moi universais ao mesmo tempo.

É posible que máis aló do telón de grelos non pillen certa idiosincrasia propia do Salnés, máis resístome a crer que non lles cheguen (en versión orixinal, que luxo!) outros temas como a amizade, a familia, a enfermidade, o alcoholismo, a precariedade laboral, os coidados, o machismo ou esa sensación de estar, como Ramona, atrapada sen saída, nunha espiral que non deixa tempo a respirar. 

E, de paso, descubrirán tamén que o do matriarcado non deixa de ser un mito. Aínda que seica sexa ela "a que manda na casa".

Comentarios