Blog | Non tes tu fe

Esas vidas perfectas

Nadal en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Nadal en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

"Todas esas vidas que no vives son siempre perfectas, son ideales. Pero en algún momento, hay que vivir la vida que te ha tocado". Esta é unha das frases da película Cinco lobitos que máis pouso deixa entre as persoas que vimos esta marabilla de Alauda Ruiz de Azúa. A idea non é nova, pero máis aló da historia que conta o filme (non o penso destripar, pero si recomendar vivamente), é unha frase moi ben traída precisamente nesta época.

Agora que (por fin) alumean os leds en rúas e prazas (evidentemente, nunca a gusto de todas), está listo o escenario das estampas bucólicas, das familias felices, das coloridas caixas de agasallo desexosas de ser abertas... O epítome do ideal.

Pero, certo é, a realidade é outra. As veces os petos do Apalpador, de Santa Claus e ata dos mesmísimos Reis Magos están lixeiramente furados, as luces fúndense, o disco das panxoliñas ráiase e as expresións gastronómicas nas mesas non chegan ao nivel de anos anteriores. É a vida que nos tocou.

Ás veces, tamén, a vida que nos tocou é imaxinar o que fariamos nesa existencia ideal na que as luces dun Nadal, por suposto moito máis elegante que este, se encenderían co inicio de decembro, teriamos unha enorme cidade natalicia e, obviamente, unha noria e unha pista de patinaxe. E un concurso de beléns, faltaría máis. Ás veces toca seguir soñando.

Comentarios