Blog | Non tes tu fe

Unha vitoria envelenada

Ayuso e Casado saúdanse no acto do peche de fin de campaña do PP, o pasado venres en Valladolid. NACHO GALLEGO (EFE)
photo_camera Ayuso e Casado saúdanse no acto do peche de fin de campaña do PP, o pasado venres en Valladolid. NACHO GALLEGO (EFE)

ENTRO EN internet despois dun domingo de presunta desconexión da actualidade –e desas redes sociais que son como areas movedizas– para descubrir que (oh sorpresa), a ultradereita volve medrar e darlle a razón a ese argumento, nunca peor, que debería ser deostado por inmobilista. Porque si, sempre se pode ir a peor. Peor que non moverse e ir cara atrás. Sen ser eu nin experta en política nin moito menos en Castela e León, dáme a impresión de que Casado, oh sorpresa, volveu fracasar (e non fagamos brincadeira co apelido).

A ver se o entendín ben. En 2019 o PP mantivo a presidencia grazas a un pacto con Ciudadanos, porque entón o PSOE foi a opción máis votada despois de décadas de poder popular. Suponse que tres anos despois o líder oficial do PP en España forzou ao presidente autonómico, Fernández Mañueco, a deixar tirados aos seus socios de goberno e adiantar as eleccións para asegurarse a maioría absoluta e gobernar sen inxerencias e sen ter que repartir os postos ben pagados entre os de fóra, sen ter que negociar nin perder de vista os propios intereses. A mesma estratexia que tan ben lle foi a Ayuso en Madrid. De feito, xa estaba véndose a si mesmo refregándolles nos fuciños esa victoria a ela, por unha parte, porque ese liderado oficial precisa urxentes labores de mantemento, e a Sánchez pola outra. Cando é que tocaban as eleccións xerais? O vindeiro ano? Antes ou despois das municipais?

Sempre se pode ir a peor; peor que non moverse é ir cara atrás

E que pasou? Que nin conseguiu a maioría absoluta (só dous escanos máis) nin superou os votos de 2019 (de feito perdeu máis de 55.000). Outra vez nos estamos acordando do señor D'Hont.

Pero o peor é que lle insuflou osíxeno a Vox, unha opción que moitos ven xa como socio de goberno. Eles mesmos, os primeiros. Sería a primeira vez que os fascistas –así, ben retratados, sen necesidade de infiltrarse noutros partidos moderados– entrasen nun goberno autonómico nesta nosa democracia, que xa estaba Abascal reclamando unha vicepresidencia para o seu títere (perdón, candidato) o mesmo domingo pola noite. Só hai que lembrar a que armaron, por exemplo, co pin parental en Murcia, Andalucía ou Madrid. Porque se xa sen chegar a formar parte dos gobernos marcaron a axenda a golpe de extorsión, porque os orzamentos non se aproban sós...

Non sei se é culpa de Casado ou de Mañueco que a ultradereita subira de un a trece procuradores en apenas tres anos e se convertera na terceira forza máis votada, co 17,65% dos sufraxios. Foron eles os que abriron a porta do galiñeiro co raposo asexando, pero algunha responsabilidade terán tamén as persoas que botaron esa papeleta na urna. Acaso son todas homófobas e machistas? Insubmisas da Ley de Memoria Histórica? Nostálxicas da ditadura? Negacionistas do cambio climático? Racistas? Masoquistas? Acaso todas esas 212.515 persoas negan, por exemplo, a violencia de xénero e están felices de ter «salvado a la región de la amenaza de socialistas y comunistas»?

O caso é que ao PP non lle queda máis remedio que botar contas. Podería pregarse á chantaxe da extrema dereita, branqueándoa, como adoita facer en contraposición aos seus homólogos europeos, ou gobernar en solitario se o PSOE se abstivera na votación da investidura. Tampouco sería a primeira vez, pois os socialistas fixeron iso mesmo en 2016, deixándolle vía libre a Rajoy e propiciando a dimisión do deputado Sánchez. Como cambiou o conto. Tamén hai quen se atreve a elucubrar un pacto PP-PSOE. Pero que é isto? Alemaña? O Tribunal Constitucional? O Tribunal de Contas?

Comentarios