Blog | Non tes tu fe

Xitanxáforas e tautogramas

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Capa do libro. DP
Lembro perfectamente a sensación de coller aqueles folios encadernados e empezar a pasar un detrás de outro. Elixín aquel orixinal, por empezar de vagariño entre unha colección de novelas, sen dúbida máis longas.

Supoñíase que era poesía, pero en realidade era moitísimo máis que iso. Pasar as páxinas e quedar abraiada coas palabras, as cores, as rimas, o ritmo e descubrir conceptos como xitanxáfora e tautograma entre adiviñas, trabalinguas ou lipogramas. 

Quedei noqueada con aquel festival da creatividade que, xa como humilde orixinal, era pura maxia que emocionaba ata a medula.

Equinoccio. Porque para min segue chamándose así, pese a que, pasadas as semanas, como un vermiño que se converte en bolboreta, aquela pequena xoia se converteu nun auténtico libro, Unha nova dimensión.

Entre medias, este artefacto emocional mereceu o Premio Merlín de Literatura Infantil e sumou dous méritos máis: ser a segunda obra de poesía que o gañou en case catro décadas e que fora o primeiro galardón para o seu autor, Anxo Iglesias. Non sabedes o nivel de satisfacción que é formar parte dun xurado así.

Unha nova dimensión, que a Editorial Xerais acaba de sacar do prelo, só podía mellorar coas marabillosas ilustracións de María Montes. Xa estades tardando. Unha delicia para todas as idades.

Comentarios