Jueves. 20.06.2019 |
El tiempo
Jueves. 20.06.2019
El tiempo

A hora da verdade

Tres estudiantes repasan os apuntes entre exame e exame da ABAU o pasado mes de xuño. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Tres estudiantes repasan os apuntes entre exame e exame da ABAU o pasado mes de xuño. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

SE HOXE estou aquí escribindo estas liñas é, seguramente, grazas a aquel 9,75 dun exame de Física en segundo de BUP, quizais a materia que máis me custaba (si, sempre fun de letras, aínda que a química e a trigonometría me tiñan un punto, nada que ver co resto das matemáticas, que me empurraron directamente a matricularme en Grego). Ou estou aquí, quen sabe, grazas ao sobresaliente que me tivo que poñer o de Educación Física nese mesmo curso animado polo resto do claustro na avaliación. Sei que mo puxo obrigado, porque ben que mo botou en cara ao curso seguinte. Seguramente non o merecía. Tampouco o merecerían o resto de compañeiras da clase. Abofé que era casualidade que eles se repartisen notables e sobres e nós non pasaramos dun ben, no mellor dos casos.

El emprendimiento sénior, la igualdad y el desarrollo rural tendrán cabida en la sexta edición del encuentro en la Praza de España

Dáme a sensación de que con catorce ou quince anos tes que ter as ideas moi claras para esforzarte por rabuñar ata a última décima dunha nota pensando no futuro, ese futuro para o que parece que falta tanto tempo e está á volta da esquina. En resumo, que cunha fantástica media de matrícula de honra en BUP e COU (isto soa ao pleistoceno, ben o sei), acabei entrando de última na carreira. A mediados de setembro. Si, a nota de corte de Xornalismo no curso 1996-97 era a miña. Polos pelos, coma quen sube a un tren en marcha, enganchada no último vagón mentres a chimenea empeza a botar fume e as rodas collen velocidade sobre os raís, como a típica imaxe das pelis do oeste.

Así que non me estraña nada que estes días, mentres escribo isto tan tranquila (é un dicir), haxa once mil rapazas e rapaces galegos comendo as unllas que non lles quedan, repasando mil e unha veces os mesmos apuntes nos que xa non caben máis subliñados fluorescentes, facendo esquemas, recitando a lección mentalmente ou falando sós, case sen comer, case sen durmir... aínda que estas dúas cousas sexan primordiais para superar a proba.

Porque a selectividade (perdón, a ABAU) é a gran proba de lume. É a semana fantástica que marca o paso da adolescencia á ida de adulta e que, por sorte ou por desgraza, definirá a matrícula na Universidade. Dicir a futura profesión si que xa é moito aventurar neste mundo laboral convulso e cambiante. En todo caso, rite ti de ritos iniciáticos.

Non digo nada do que supoñen estes tres días se estudas nun instituto pequeno, dunha vila calquera, e che toca enfrontarte a este trance a case 50 quilómetros, co conseguinte madrugón multiplicado por tres e a perda de tempo. Porque xa me dirán que sentido ten que o alumnado de Caldas, por poñer un exemplo, teña que ir examinarse a Santiago e vez de vir a Pontevedra, á metade de distancia. Son eses pequenos grandes detalles, alleos á proba en si, que non axudan, precisamente. Claro que na Boa Vila, con todo o bo que ten, non hai un Santo dos Croques ao que encomendarse e facer promesas (rite ti dun político en campaña) entre exame e exame na Facultade de Medicina. (Ben, agora en Compostela tampouco). Esa solera e esa impresionante arquitectura que che bota na cara séculos de historia tampouco os ten o campus de Pontevedra, certo.

Así que para min non hai mellor proba do paso do tempo que iso que agora chamamos ABAU, que me vai marcando o inexorable paso dos anos moito millor que as campanadas da Porta do Sol (ou do Obradoiro). Aló van 23, por certo. E cantas cousas cambiaron desde aquela, empezando pola lei educativa (que raro) e seguindo pola tecnoloxía. Desta volta mesmo haberá escaneos aleatorios para detectar dispositivos electrónicos prohibidos. Así que por moitos inventos novos que enchan as nosas vidas, á hora da verdade estarán sós co papel, o boli e as súas cabeciñas burbulleando datos, cifras, fórmulas e teorías. Moita sorte, rapazada!

A hora da verdade
Comentarios