Blog | Non tes tu fe

A que demo lle teñen medo?

A QUE lle teñen medo? Eu mesma respondo. A que lles pase como ao pai de María, unha rapaza que despois dunha charla da Garda Civil no seu colexio se atreveu a denunciar que o seu proxenitor levaba anos maltratando física e psicoloxicamente á súa nai e conseguiu activar o protocolo contra a violencia de xénero. Ou como ao de Omar, que grazas a asistir a un faladoiro sobre os dereitos da infancia foi quen de contar na escola que o seu pai lle pegaba, lle prohibía ir á biblioteca, saír da casa e mesmo estudar; que só quería que traballara baixo a ameaza de mandalo de volta ao Senegal.

Omar acabou nun centro de acollida, máis feliz que no seu mal chamado fogar. Algo parecido lle sucedeu a Miriam, unha rapaza de doce anos que tamén levaba malleiras do seu pai cando protestaba por verse obrigada a cociñar e limpar na casa, ela soa, porque era a única muller da familia.

Temen que a rapazada descubra o respecto e a tolerancia

Son algúns dos casos que fixo públicos unha profesora de Secundaria a propósito do dichoso pin parental, un invento da ultradereita máis rancia e perigosa que leva en marcha desde principios de curso en Murcia. O fío de Alba en Twitter fíxose viral e con razón. Di Pablo Casado que todo este lío que se está montando é só unha cortina de fume para tapar o nomeamento de Dolores Delgado á fronte da Fiscalía General del Estado, pero bendita cortina se nos fai volver os ollos cara esta comunidade autónoma no que o pin parental –ou máis ben o seu mantemento despois de cinco meses de surrealismo nos centros educativos– se volveu moeda de cambio para que os trosmas de Vox lles aproben os orzamentos a PP e Ciudadanos. Unha comunidade, por certo, nos primeiros postos de fracaso e abandono escolar do país. Bendita cortina se fai que o Goberno central ameace con levar o asunto aos tribunais dentro das poucas competencias que lle quedan en materia educativa.

Esta profesora puido comprobar ao longo de 16 anos de profesión a utilidade destas charlas e actividades complementarias, como as que se levan a cabo en colexios e institutos da provincia de Pontevedra grazas ao Plan Director da Garda Civil, nas que se abordan temas como a violencia de xénero, a igualdade, o consumo de drogas, o acoso escolar ou os riscos das novas tecnoloxías e que o curso pasado chegaron a 21.000 persoas.

Os estudantes dos que fala Alba descubriron que había saída á violencia que vivían nas súas casas ou nas súas relacións de parella. É o caso de Ana, unha alumna de 3º da ESO, que contou que o seu mozo a presionaba para manter relacións sexuais, sen preservativo, baixo a ameaza de deixala. (3º da ESO? 15 anos?). Grazas a falar na clase sobre educación sexual aprendeu o que era a píldora do día despois e falou do asunto coa súa nai. Tamara, da mesma idade, desvelou nunha charla sobre violencia de xénero que o seu noivo, tamén alumno do mesmo instituto, a estaba maltratando, acosando e coaccionando. A súa familia sabíao, pero non tiña idea de que facer para poñerlle freo. Grazas a esa actividade complementaria que, de vivir en Murcia, precisaría o permiso paterno para asistir, activouse o protocolo para que esta moza deixase de ser unha vítima, como tantas outras mulleres, mesmo así de novas, que non enchen as listas porque os seus casos non chegan a saír á luz.

A iso lle ten medo a ultradereita para pedir o pin parental. Medo a que a rapazada descubra o que é a empatía, o respecto e a tolerancia (mesmo a reciclaxe!), medo a que desenvolva o pensamento crítico e mesmo a que se atreva a romper coa lacra do machismo, a homofobia e a violencia.

Comentarios